O presidente autonómico participou na toma de posesión da nova xunta directiva do Consello Galego de Economistas

Rueda destaca a aposta da Xunta por fomentar un tecido produtivo sostible e competitivo con 277 M€ para paliar os efectos do conflito en Oriente Medio

Recorda que o Goberno galego acaba de aprobar un Plan de 157 M€ con medidas para apoiar a empresas, sectores claves e familias

Ademais, Galicia achegará outros 120 M€ para aplicar as medidas aprobadas polo Estado

Vigo, 31 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por fomentar un tecido produtivo e industrial sustentable e competitivo fronte ao escenario actual de incertezas económicas globais. Entre outros retos, citou o conflito en Oriente Medio, así como a negociación do novo marco financeiro da Unión Europea ou as novas políticas arancelarias.

Así o sinalou esta tarde durante o acto de toma de posesión da nova xunta directiva do Consello Galego de Economistas, a quen desexou sorte na súa nova tarefa, ao tempo que agradeceu ao equipo directivo saínte o seu compromiso e traballo.

Rueda recordou que a Administración autonómica destinará 277 millóns de euros a medidas para paliar os efectos da guerra en Irán. En concreto, achegará 120 millóns de euros ás medidas anunciadas polo Goberno central e onte aprobou un plan propio de 157 millóns con iniciativas dirixidas a préstamos para empresas, a eficiencia enerxética e autoconsumo, a apoios aos sectores produtivos ou a axudas a familias máis vulnerables.

Puxo en valor que a economía galega parte dunha situación de fortaleza, cun crecemento o ano pasado do 2,6%, coa taxa de paro máis baixa que a media de España, e cun bo comportamento exportador, situándose en 2025 entre as cinco comunidades autónomas con maior volume de exportacións.

Fixo fincapé tamén na importancia de contar cuns orzamentos, aprobados cada ano en tempo e forma, para cumprir os compromisos e facer fronte a circunstancias sobrevidas. Por último, apelou á colaboración de todas as administracións á hora de construír entre todos unha Galicia máis forte e líder en sectores con potencial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2026