A Xunta inicia a venda directa de 32 parcelas de solo empresarial na plataforma loxística da Plisan

 O Goberno galego inicia o proceso para comercializar os soares que quedaron desertos no proceso de poxa á alza e polo mesmo prezo que saíron a concurso

En total, están dispoñibles 132.714 metros cadrados, con predios que van desde os 1.786 ata os 8.743 m2, aínda que está previsto que se poidan agrupar ata acadar case os 41.500 m2 como máximo por parcela

Santiago de Compostela, 01 de abril de 2026

A Xunta de Galicia, a través da entidade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), acaba de abrir o proceso para a venda directa de 32 parcelas de solo empresarial na Plataforma Loxística e Industrial Salvaterra-As Neves (Plisan), que suman unha superficie global de 132.714 metros cadrados.

Este novo proceso, publicado hoxe na web de Xestur (https://www.xesturgalicia.com), ábrese despois de que rematase a venda das parcelas polo sistema de poxa á alza, convocado o pasado 13 de novembro e que se cerrou coa adxudicación dunha parcela. Segundo o prego de condicións, as parcelas que quedaron desertas na poxa poden venderse ou ser obxecto da constitución dun dereito de superficie por adxudicación directa, de acordo co prezo xa establecido.

No caso das empresas que compren un soar, dispoñen dun prazo máximo de tres anos, contados desde o momento de formalización da escritura pública de propiedade, para iniciar a actividade na parcela adquirida.  Ademais, deberán desenvolvela durante un período mínimo de cinco anos contados dende o inicio da mesma e non poderán levar a cabo operacións de venda, división ou segregación nese mesmo prazo de tempo.

E no suposto de que adquiran un dereito de superficie, deben cumprir as mesmas condicións e aboar mensualmente o canon correspondente, solicitar a autorización dos promotores da Plisan (Xunta de Galicia, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Autoridad Portuaria de Vigo) para o caso de que pretendan facer una transmisión a terceiros e permitir cantas inspeccións consideren necesarias.

En canto ao tamaño das parcelas dispoñibles, estas van desde os 1.786 m2 da mais pequena ata os 8.743 m2, aínda que se poden agrupar parcelas ata acadar unha superficie  máxima de 41.475 m2.

Mais solo empresarial

Mediante este proceso de venda directa, as tres entidades promotoras impulsan a comercialización do solo empresarial da Plisan, unha demanda dos empresarios que requiren solo industrial para poder ampliar a súa capacidade ou poder asentar novas instalacións. Na actualidade está urbanizada a totalidade da Área Loxística Empresarial, con 59 parcelas de uso industrial-comercial, que suman unha superficie 411.684 m2 nas que xa se estableceron ou alcanzaron acordos para a súa implantación importantes empresas conserveiras, tecnolóxicas e loxísticas como Conservas Albo, Frinsa, Lonza Biologics ou Grupo Tecnológico Arbinova.

Por outra banda, a Xunta avanza no proxecto para urbanizar a área Multifuncional Industrial (MI) da Plisan, cunha superficie de 1.072.773 metros cadrados e que se destinarán para empresas de transformación, con centros loxísticos propios e relacións sinérxicas co resto da plataforma. Neste senso, o pasado mes de xullo licitou o contrato para redactar o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), cunha duración de 16 meses. Coa posta en servizo desta área Multifuncional Industrial, a Plisan  pasará dos 3.150.094 m2 do Proxecto Sectorial a alcanzar case 4,2 millóns de metros cadrados. 

Data de actualización: 01/04/2026