A Xunta lanzará unha segunda edición do Programa en Industria de Defensa para empresas ante a alta demanda de solicitudes recibidas

A primeira convocatoria recibiu 69 candidaturas para as 25 prazas, case o triplo da oferta dispoñible

O programa, enmarcado na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, está dirixido a profesionais e empresas galegas que queiran coñecer a lóxica industrial e estratéxica da defensa para acceder con garantías ás oportunidades que ofrece este sector

Santiago de Compostela, 02 de abril de 2026

A Xunta de Galicia promoverá a celebración dunha segunda edición do Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia para dar resposta ao elevado número de solicitudes rexistrado nesta primeira convocatoria, na que se recibiron 69 candidaturas para un total de 25 prazas dispoñibles, unha cifra que practicamente triplicou a oferta dispoñible.

O Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, organizado coa colaboración da Escuela de Organización Industrial (EOI), permitirá ás persoas profesionais de empresas galegas seleccionadas acceder a unha formación de alto nivel.

O curso arrancará o vindeiro 17 de abril nas instalacións da Escola de Administración Pública de Galicia (EGAP), en Santiago de Compostela, e desenvolverase en modalidade híbrida ao longo de 128 horas: 32 horas en 8 sesións presenciais e 96 horas en liña.

Galicia é a primeira Administración do Estado que subvenciona un curso formativo destas características para profesionais e directivos de empresas con potencial de acceso ao sector da defensa, participantes ou aspirantes a concorrer a programas europeos, consorcios internacionais ou proxectos duais que queiran coñecer polo miúdo sistemas de financiamento ou a súa estrutura contractual.

A segunda edición do Programa Executivo en Industria de Defensa dará continuidade ao compromiso da Xunta de Galicia de consolidar Galicia como un nodo formativo de referencia no eido da seguridade, a defensa e o aeroespazo.

Certificacións en seguridade e defensa

Por outra banda, ata o 13 de maio a Xunta de Galicia ten aberto o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas para a certificación de empresas galegas que queiran ser subministradoras do sector da seguridade e da defensa.

Esta convocatoria, cun orzamento total de 1,5 millóns de euros e axudas máximas de ata 75.000 € por entidade, ten por obxecto apoiar ao tecido empresarial (tanto ao que xa traballa neste eido como a aquelas empresas que aspiran a incorporarse e este mercado) no seu camiño para acceder a proxectos e contratos e converterse en provedoras en materia de defensa e seguridade, contando para elo coas certificacións, homologacións e/ou habilitacións necesarias.

Data de actualización: 02/04/2026