Villaverde pón en valor o medio século de traxectoria de Pescados Marcelino como produtor e transformador sostible do mexillón

A conselleira do Mar visitou hoxe as instalacións desta empresa familiar no porto de Aldán, destacando o seu compromiso co medio ambiente

Resaltou o ciclo integral que desenvolve a empresa, que xera emprego para medio cento de persoas e produce arredor de 2.000 toneladas anuais de mexillón

Cangas (Pontevedra), 1 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou a evolución de Pescados Marcelino, que logrou integrar todo o proceso de transformación sostible do mexillón comezando pola actividade como cocedoiro de moluscos para dar saída á produción das súas propias bateas. Así o manifestou na visita ás instalacións da empresa no porto de Aldán, no concello de Cangas.

Durante o percorrido polas instalacións, a responsable autonómica, acompañada polo xerente da empresa, Ramón María Marcelino Canosa, e polo presidente da Cooperativa de Mexilloeiros Socomgal, Rosendo Queimaño, coñeceu de primeira man o traballo desta peme familiar que conta con preto de medio século de historia e que, na actualidade, destina o 60 % da produción do seu cocedeiro á industria conserveira.

Na actualidade, Pescados Marcelino abarca todos os elos da cadea produtiva e conta cun equipo humano que rolda o medio cento de persoas que se encargan dos distintos traballos que lle permiten realizar o proceso de xeito integral. Grazas ás súas bateas e barcos auxiliares, a empresa cultiva ao redor de 2.000 toneladas anuais de mexillón de máxima calidade para logo realizar o proceso transformador apostando pola innovación.

Con esta visita, “o Goberno galego reafirma o seu compromiso cun sector estratéxico como é o da cadea mar-industria, que é un símbolo da nosa Galicia Calidade”, incidiu Villaverde, poñendo en valor a aposta constante pola innovación, a calidade e a sustentabilidade para seguir sendo competitivos nos mercados internacionais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 01/04/2026