Medio Rural destinou máis de 224.000 € desde 2020 á mellora de camiños municipais en Boiro

A conselleira María José Gómez recibiu hoxe ao alcalde da localidade, José Ramón Romero, para avanzar na colaboración institucional a prol do agro neste concello

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recibiu hoxe no seu despacho de San Caetano ao alcalde de Boiro, José Ramón Romero, para abordar diferentes asuntos de interese relacionados coa mellora do agro neste municipio. Así, tratáronse cuestións como a posta en valor e acondicionamento de camiños de titularidade municipal.

Neste sentido, cómpre lembrar que Boiro beneficiouse de achegas por parte da Xunta de 224.115 euros desde 2020 para a mellora destas vías, un orzamento que permitiu actuar en ata 9 camiños diferentes. Só para o período 2025-2026, o municipio recibiu unha axuda de 55.575 euros por este mesmo concepto.

Por outra banda, tamén no eido do desenvolvemento rural, hai que sinalar que este concello ten activo actualmente un proceso de reestruturación parcelaria. Trátase do de Cures, que se atopa en fase de acordo firme e que beneficiará preto de 1.380 propietarios, cunha superficie que supera as 640 hectáreas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2026