A Xunta destaca a boa formación dos 38 alumnos de FP do Instituto Primeiro de Marzo de Baiona

A directora xeral de Formación Profesional salienta o importante papel do centro na cualificación da mocidade da contorna

Baiona (Pontevedra), 7 de abril de 2026

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto Primeiro de Marzo de Baiona para coñecer de primeira man o desenvolvemento da súa oferta formativa, en concreto o ciclo de grao básico de Actividades domésticas e limpeza de edificios e o ciclo de grao superior de Animación sociocultural e turística, que contan con 38 alumnos.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o compromiso do centro coa formación do alumnado e coa súa inserción laboral, e subliñou “o labor que se está a facer desde Baiona para ofrecer oportunidades de cualificación adaptadas á realidade da contorna”. A directora xeral comprobou a actividade que se desenvolve nas aulas.

Así mesmo, fixo fincapé no impacto da Formación Profesional no ámbito máis próximo, e destacou que “a FP é unha ferramenta fundamental para fixar poboación e xerar oportunidades nos territorios, especialmente en vilas como Baiona, onde a conexión co tecido social e económico é directa”. Eugenia Pérez salientou a boa evolución dos datos da FP na área de Vigo, que concentra o maior número de estudantes de toda Galicia. No conxunto dos concellos da zona hai matriculadas 18.686 persoas en Formación Profesional, o que supón un incremento de preto do 3% respecto ao curso académico anterior.

Data de actualización: 07/04/2026