A Xunta licita por 5,9 M€ a compra de material non sanitario dun só uso de limpeza, aseo e enxoval con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde

Licítanse 42 tipos de produtos integrados en 21 lotes

Entre os produtos que se subministrarán están esponxas xabonosas, panos faciais de celulosa, xabón, crema hidratante, toallas de celulosa, papel para padiolas, bolsas para residuos ou aceites de améndoas para masaxe

Trátase da terceira contratación centralizada deste tipo de material, enmarcada na programación do Plan de compras do departamento sanitario galego, co fin de conseguir un aforro de 568.528 euros nos dous anos de vixencia do contrato

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 8 de maio

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2026

A Xunta publica no Portal de Contratos a licitación da subministración sucesiva de material non sanitario dun só uso de limpeza, aseo e enxoval con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, por un importe de 5.919.182,39 euros e un período de dous anos.

O valor estimado deste contrato ascende a 13.208.092,83 euros, se se teñen en conta as posibles prórrogas, por un total de 36 meses.

Trátase da terceira contratación centralizada do Servizo Galego de Saúde deste tipo de material, enmarcada na programación do Plan de Compras do departamento sanitario galego. Grazas a esta compra centralizada, conseguirase un aforro de 568.528 euros nos dous anos de vixencia do contrato.

Esta medida permitirá seguir coa unificación do material de uso común e repetitivo, continuando, ao mesmo tempo, o proceso iniciado de simplificación e homoxeneización naqueles casos en que os usos e destinos sexan os mesmos, e contribuíndo, deste xeito, á sostibilidade do sistema sanitario público.

Neste contrato recóllese a subministración de 42 tipos de produtos integrados en 21 lotes. Entre os produtos que se mercarán están esponxas xabonosas, panos faciais de celulosa, panos de mesa, xabón líquido, xabón para dispensador de parede, crema hidratante, toalla de celulosa, toalla de tecido non tecido, tolla de poliéster e raión viscosa, papel para padiolas, papel secamáns bobina, papel secamáns pregado, papel hixiénico, bolsas plásticas para residuos, vasos de un so uso, menaxe de cociña ou vaixela desbotable, guantes de fregar e aceite de améndoas para masaxe.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 8 de maio.

Data de actualización: 08/04/2026