A Xunta dá luz verde ambiental ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a execución de instalacións deportivas na seca, no concello de Poio

O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos no ámbito de actuación, pero inclúe condicionantes para introducir melloras nalgunhas cuestións

O proxecto afecta a unha superficie de máis de 56.000 metros cadrados de solo rústico, na que se prevé a construción dunha piscina cuberta e a ordenación da zona deportiva existente na contorna

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a execución de instalacións deportivas na Seca, no concello pontevedrés de Poio. O obxecto é establecer tanto a ordenación de terreos de solo rústico necesarios para a creación dun novo equipamento público destinado a piscina cuberta como a da zona deportiva existente nas proximidades.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución e se atendan melloras en cuestións como a xestión da auga, a disposición de prazas de aparcamento suficientes e a inclusión dunha zonificación acústica da superficie de actuación.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan especial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo (o Concello de Poio en ambos casos) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e proximamente farase público mediante a publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto deste plan especial é establecer a ordenación de terreos de solo rústico na Seca co fin de construír unha piscina cuberta. De feito, mantéñense os usos vixentes na contorna e unicamente se contempla a construción desa nova edificación.

A superficie do ámbito de actuación é de 56.253 metros cadrados -correspondente cunha única parcela de titularidade municipal-, nuns terreos situados na marxe costeira do Concello de Poio, na parroquia de San Xoán de Poio, entre os núcleos da Seca, Seara, Estanco e A Freixa, ocupados por distintas instalacións deportivas e equipamentos municipais.

Data de actualización: 10/04/2026