O Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña renova o parque de bombeiros comarcal en Arteixo
O director xeral de Emerxencias e Interior participou na entrega das obras das novas instalacións, impulsadas de xeito conxunto polo Goberno galego, a Deputación Provincial e o Concello
Arteixo (A Coruña), 10 de abril de 2026
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega das obras do novo parque comarcal de bombeiros en Arteixo, situado no polígono de Morás e impulsado de xeito conxunto pola Xunta e a Deputación Provincial co Concello. Refórzase así a seguridade da área metropolitana coruñesa, reducindo os tempos de resposta ante emerxencias nos concellos da contorna.
A nova infraestrutura, que substitúe a antiga base de Sabón, ocupa unha parcela de 4.000 metros cadrados cedida polo Concello de Arteixo na avenida Pedra Áceda e inclúe cocheiras para a flota, centro de control, áreas de formación e outros espazos. A previsión é que o traslado da actividade e do persoal se complete ao longo dos dous vindeiros meses, chegando a 25 axentes.
A Xunta e a Deputación colaboran no mantemento dos dez parques de bombeiros dependentes do Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e de Salvamento da Coruña, así como nos das restantes provincias. O Goberno galego mantén así o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio, pese a tratarse dunha competencia municipal, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.