A Xunta inviste preto de 50.000 euros na mellora dos viais municipais de Esmoriz nunha visita a Arbo
Os traballos permitiron acondicionar tres camiños municipais cunha lonxitude total de 619 metros, mellorando a seguridade e a mobilidade da veciñanza
O delegado territorial puxo en valor a importancia da colaboración entre institucións para mellorar a calidade de vida da veciñanza
Arbo (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o lugar de Esmoriz, na parroquia de Mourentán, no concello de Arbo, onde a Xunta financiou as obras de mellora da pavimentación de varios viais municipais ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR).
En concreto, a actuación contou cun investimento de preto de 50.000 euros e permitiu acondicionar un total de tres camiños municipais cunha lonxitude conxunta de 619 metros, contribuíndo a mellorar a seguridade viaria e as comunicacións nunha zona de especial uso por parte da veciñanza.
O delegado territorial destacou que “este tipo de investimentos son fundamentais para seguir mellorando as infraestruturas do rural, facilitando os desprazamentos diarios e garantindo unhas comunicacións máis cómodas e seguras para os veciños e veciñas”.
As actuacións incluíron a limpeza das marxes, a apertura de cunetas e a renovación do firme mediante a aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente, adaptando os traballos ás necesidades de cada un dos tres treitos obxecto da intervención.
No camiño de Pombeiro executáronse, ademais da pavimentación, traballos de revestimento de cunetas con formigón e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical. Noutro dos treitos desta mesma zona renovouse a capa de rodadura, recrecéronse tapas de rexistro e levouse a cabo a instalación dunha nova canalización de abastecemento de auga potable de 150 metros, con novas acometidas domiciliarias e a correspondente reposición do firme. Finalmente, no vial da Cuqueira acometeuse a renovación da pavimentación e o recrecido das tapas de rexistro.
Fernández puxo en valor “a colaboración da Xunta cos concellos para impulsar actuacións que contribúan á mellora dos servizos e das infraestruturas municipais, especialmente no ámbito rural, onde estas obras teñen unha incidencia directa na calidade de vida da cidadanía”.