A Xunta destaca as vantaxes das obras de rehabilitación no CEIP plurilingüe San Clemente de César cun investimento de máis de 440.000 euros
O delegado territorial visitou esta mañá o centro educativo para comprobar a mellora das instalacións
As obras permitirán mellorar a cuberta, renovar as carpinterías exteriores e substituír as antigas luminarias por unha máis modernas de baixo consumo
A actuación reforza o compromiso da Xunta coa conservación e modernización dos centros escolares
Caldas de Reis (Pontevedra), 10 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe San Clemente de César, en Caldas de Reis, para supervisar o avance das obras de rehabilitación que se están a executar no centro cun investimento total de preto de 440.000 euros.
A actuación, que está na súa fase final, permitirá mellorar distintos elementos clave das instalacións para incrementar o confort, a eficiencia e a funcionalidade do edificio. Entre os traballos previstos figuran a renovación da cuberta, a mellora da climatización do comedor, a substitución das luminarias e dos falsos teitos, así como a renovación de boa parte da carpintería exterior.
Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia desta intervención para “seguir modernizando as infraestruturas educativas e ofrecer á comunidade escolar espazos máis seguros, eficientes e adaptados ás necesidades actuais”. Neste sentido, subliñou que a Xunta continúa a realizar un importante esforzo investidor na mellora dos centros públicos de ensino.
A renovación da cuberta permitirá reforzar a protección do edificio fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorar o seu comportamento térmico, mentres que a actuación na climatización do comedor contribuirá a un maior confort nun espazo de uso diario para o alumnado. Pola súa banda, a substitución das luminarias e dos falsos teitos mellorará tanto a eficiencia enerxética como a calidade ambiental interior, completándose coa nova carpintería exterior, que favorecerá un mellor illamento.
Estas obras forman parte da estratexia da Xunta de Galicia de mellora continua da rede de centros educativos públicos, mediante actuacións orientadas á modernización das súas instalacións, ao aforro enerxético e á creación de contornas máis confortables para o desenvolvemento da actividade lectiva.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
O Goberno galego ten un compromiso coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).