O Servizo Galego de Saúde conmemora o Día Mundial do Párkinson e subliña os máis de 350 pacientes tratados coa técnica ‘hifu’ en Galicia

Preto de 110 persoas procedentes de comunidades como Castela e León, Asturias ou Cantabria, entre outras, viaxaron ata Santiago para ser tratadas cun equipo de ultrasóns de frecuencia focalizada

Estímase que en Galicia existen arredor de 9.500 pacientes afectados pola enfermidade

A Sociedade Española de Neuroloxía prevé que as cifras poidan triplicarse no 2050

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2026

O párkinson é, despois do Alzhéimer, o segundo diagnóstico máis frecuente entre os maiores de 65 anos. Segundo a Sociedade Española de Neuroloxía, entre 120.000 e 150.000 persoas padecen esta enfermidade en España; en Galicia estímase que afecta a arredor de 9.500 persoas. Con todo, estas cifras poderían chegar a triplicarse no 2050, por mor da avellentamento da poboación e os avances terapéuticos. Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Párkinson, o Servizo Galego de Saúde subliña a importancia de desenvolver tratamentos personalizados que teñan en conta as circunstancias persoais, familiares, laborais e sociais de cada paciente.

Nos últimos tempos, a tecnoloxía de alta precisión converteuse nun aliado clave no tratamento do párkinson e do tremor esencial. Entre estas innovacións destaca o uso do HIFU, un procedemento que emprega ultrasóns focalizados de alta intensidade. O Complexo Hospitalario de Santiago actúa como centro de referencia para a aplicación desta técnica, atraendo pacientes doutras comunidades autónomas: preto de 110 persoas, maioritariamente de Castela e León, Asturias ou Cantabria. No caso concreto do párkinson, 26 pacientes foron tratados con esta tecnoloxía.

Os síntomas motores, xunto coas posibles complicacións asociadas, dificultan en moitos casos o manexo da enfermidade e evidencian a importancia das unidades especializadas. A consulta monográfica de párkinson e outros trastornos do movemento do Complexo Hospitalario de Pontevedra conta desde hai algúns anos coa acreditación de calidade que concede a Sociedade Española de Neuroloxía. Para obter este recoñecemento, avalíanse aspectos como a seguridade do paciente, a humanización na atención ou a xestión do risco.

Ao labor asistencial súmase o compromiso do tecido asociativo e o impulso da investigación científica. Neste eido, destaca o traballo do Grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da enfermidade de Párkinson do CiMUS, cuxas liñas de investigación inclúen o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas ou o estudo de mecanismos moleculares implicados na neurodexeración.

Así, a colaboración entre profesionais sanitarios, investigadores e asociacións de pacientes consolídase como piar fundamental para afrontar os retos futuros desta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos afectados.

Data de actualización: 11/04/2026