A delegación territorial acolle o concerto de TERE! e o anuncio dos finalistas do Torneo Lugo Debate
Lugo, 10 de abril de 2026
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta tarde un concerto da artista madrileña TERE! no marco das actividades da segunda xornada do Torneo Lugo Debate.
TERE!, gañadora do certame Track Zero Fest -o concurso nacional de talento impulsado pola asociación Más Debate-, puxo a nota musical a un acto no que tamén se deu a coñecer o nome das persoas e equipos finalistas nas distintas categorías do certame, que mañá disputarán as probas decisivas no Círculo das Artes.
O torneo Lugo Debate reúne desde este xoves na cidade a máis de 200 estudantes de Secundaria, Bacharelato e Universidade de toda Galicia, que durante tres días poñen a proba as súas habilidades en oratoria, argumentación e pensamento crítico.
Ademais das propias probas, a programación do certame inclúe actividades culturais paralelas, como unha visita guiada á cidade, obradoiros de formación, o concerto desta tarde ou a charla que mañá ofrecerá o guionista Pepe Coira.
O Goberno galego colabora novamente coa asociación Más Debate na organización do torneo, e facilita ademais aloxamento aos participantes no complexo residencial xuvenil LUG II.