Rueda anuncia a ampliación da vacina reforzada contra a gripe á poboación xeral entre os 65 e os 69 anos

Na campaña anterior, a inmunización reforzada fronte á gripe tiña como destinatarias “as persoas de 60 e máis anos que vivían en residencias e a poboación xeral de 70 e máis anos”

Coa ampliación do rango de idade, a poboación diana a que vai dirixida a vacina reforzada se incrementará nun 35% ata as 730.000 persoas

O Consello da Xunta autorizou hoxe o contrato de subministración da vacina antigripal de alta carga cun investimento de case 9 M€

Con esta medida, búscase reducir a mortalidade, a morbilidade e o impacto da enfermidade da gripe entre a poboación, ao tempo que optimiza os custos socioeconómicos asociados ao seu padecemento

A Xunta empregará, por segundo ano consecutivo, o contrato de efectividade cos provedores, mediante o cal o prezo das doses está vencellado á efectividade da vacina e aos seus resultados en saúde

Na última campaña de vacinación fronte á gripe, Galicia rexistrou un total 883.892 persoas vacinadas, mellorando os datos de cobertura en todos os grupos de idade

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a ampliación da subministración da vacina antigripal inactivada reforzada (Efluelda) ás persoas con idades comprendidas entre os 65 e os 69 anos na próxima campaña, xa que “ofrece máis protección fronte ao virus e fortalece o sistema inmunitario cunha acreditada eficacia”.

Así, tal e como indicou o titular do Goberno galego, na campaña pasada, “esta vacina ía dirixida aos maiores de 60 anos que vivían nunha residencia e a poboación xeral a partir de 70 e máis anos”. Agora amplíase en cinco anos o rango de idade da poboación diana desta vacina, que se incrementará nun 35%, pasando de 540.000 persoas actuais ata acadar as 730.000 en toda a comunidade.

“Para que isto sexa posible, acordamos tamén no Consello incrementar a partida para adquirir vacinas antigripais reforzadas de cara a vindeira campaña, a través dun investimento de preto de 9 M€”, indicou.

A vacina reforzada de alta carga contén unha maior cantidade de antíxenos, o que contribúe a fortalecer a resposta inmunitaria do sistema, ademais de garantir unha maior protección fronte ao virus. Este feito resulta decisivo no caso daqueles grupos de poboación que contan cun sistema inmunolóxico máis vulnerable, como poden ser as persoas de maior idade.

Con esta medida, a Xunta busca reducir a mortalidade, a morbilidade e o impacto da enfermidade da gripe entre a poboación, ao tempo que optimiza os custos socioeconó­micos asociados ao seu padecemento.

Rueda tamén lembrou que o pasado ano, “Galicia foi a primeira rexión no mundo en asinar un contrato de efectividade cos proveedores mediante o cal vencellamos as adquisicións á eficacia das doses adquiridas”. Así, “se non se cumpren certos logros como, por exemplo, que esta vacina reduza o número de ingresos hospitalarios en comparación coa vacina estándar, pagarase un menor prezo por cada dose”, explicou.

Nesta liña, e por segundo ano consecutivo, a Consellería de Sanidade empregará este sistema de acordo de risco compartido cos proveedores (a industria farmacéutica). Deste xeito, os riscos financeiros e clínicos distribúense entre os fabricantes e o comprador, promovendo unha corresponsabilidade nos resultados obtidos.

Na actualidade existen dúas modalidades principais de acordos de risco compartido. Por unha banda, a modalidade en que se axusta o prezo dos produtos en función da cantidade que se adquirirá e, pola outra, un tipo de acordo onde o financiamento dun produto ou tecnoloxía está vinculado á obtención de resultados en saúde concretos e predefinidos.

Éxito da campaña de vacinación fronte á gripe

A última campaña de vacinación fronte á gripe en Galicia rexistrou un total 883.892 persoas vacinadas, mellorando os datos de cobertura en todos os grupos de idade e poboación diana.

Destaca a ese respecto o incremento da cobertura vacinal no caso das mulleres embarazadas, que superou nesta última campaña o 50% da vacinación.

En canto ás persoas maiores de 65 anos, a porcentaxe de vacinados achegouse ao 73% de cobertura; e na poboación infantil (ata os 11 anos) a vacinación contra a gripe superou o 54%.

A Xunta lembra á poboación a importancia de vacinarse e protexerse fronte á gripe, xa que representa a forma máis efectiva para evitar contaxios ou padecer esta enfermidade dun xeito grave.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026