Arias reúnese co presidente da AECC en Lugo para abordar novas colaboracións coa entidade

Unha das máis próximas será a sétima edición da andaina solidaria ‘Lugo en Marcha Contra o Cancro’, que se celebrará o sábado 25 de abril

Lugo, 13 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente e a xerente da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, José Manuel Rozas e Ana Belén Irimia, respectivamente, na que avaliaron posibles liñas de colaboración para apoiar iniciativas solidarias que a entidade desenvolverá nos vindeiros meses.

Entre as actividades nas que traballa xa o colectivo figura a sétima edición de ‘Lugo en Marcha Contra o Cancro’, que se celebrará o sábado 25 de abril co obxectivo de recadar fondos para seguir axudando a mellorar a vida das persoas con cancro e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, así como para impulsar a investigación oncolóxica.

Durante o encontro, abordaron tamén a organización do IV Congreso galego de persoas con cancro e familiares, que se celebrará en Lugo a finais de ano.

O delegado territorial gabou o “encomiable labor” da agrupación lucense “no ámbito da sensibilización e no apoio ás persoas enfermas e as súas familias”, e sinalou que “desde o Goberno galego seguiremos prestando a nosa colaboración, ao tempo que continuamos dotando á sanidade pública das mellores ferramentas de prevención, diagnóstico e tratamento do cancro”.

Nese sentido, lembrou que a Xunta realiza fortes investimentos en equipamento de alta tecnoloxía para combater a enfermidade. Por outra banda, destacou que a sanidade pública galega é pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais de diferentes tipos de cancro, como o colorrectal, o de mama e o de cérvix.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026