O conselleiro de Sanidade, xunto coa secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato, abriu esta mañá a xornada de presentación da modificación da Lei de saúde de Galicia pola que se establecen medidas de prevención e protección integral contra a violencia do sistema de saúde de Galicia
Gómez Caamaño traslada aos profesionais a determinación da Xunta de acabar con calquera manifestación de violencia no ámbito sanitario
Destaca a visión legal, profesional e social da protección promovida pola Xunta a todos os profesionais da sanidade, tanto pública como privada
Salienta que Galicia é a primeira comunidade autónoma en incluír os técnicos de emerxencias sanitarias e do 061 no persoal a protexer
Indica o carácter pioneiro de medidas que se adaptan a novas formas de violencia, como a gravación sen consentimento ou o ciberacoso
Agradece a colaboración transversal na elaboración da norma, que contou coas forzas e corpos de seguridade do Estado, colexios de Medicina, Enfermería e Psicoloxía e asociacións profesionais de técnicos de Emerxencias
A Xunta responde así á necesidade de dar un paso máis na prevención da violencia, logo de rexistrar o pasado ano 950 episodios de agresión na sanidade pública, dos cales 344 foron agresións físicas
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou a determinación da Xunta de acabar con calquera acto de violencia no ámbito sanitario ante os profesionais asistentes á xornada de presentación da modificación da Lei de saúde de Galicia pola que se establecen medidas de prevención e protección integral contra a violencia do sistema de saúde de Galicia.
No acto, celebrado no salón de actos da Consellería de Sanidade e no que tamén participou a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, o conselleiro salientou a visión xurídica, profesional e social que se reflicte na Lei, coa que a Xunta eleva a protección do persoal da sanidade ao máximo rango normativo.
O Goberno galego dá así un paso máis na prevención e protección fronte ás agresións xa que en 2025 o número de episodios de violencia na sanidade pública foi de 950. Deles, tal e como destacou o conselleiro, 344 foron agresións físicas.
A modificación legal impulsada pola Consellería de Sanidade ten en conta os distintos escenarios nos que se producen os actos de violencia, posto que dese total de agresións físicas, 317 producíronse en consulta pero tamén houbo agresións na rúa.
Por iso, as medidas fronte ás agresións que se recollen na lei contemplan actos que suceden dentro e fóra dos centros sanitarios.
Ademais, do total de episodios de violencia, 300 tiveron lugar no ámbito da atención primaria; máis de 560 na atención hospitalaria; e 71 en emerxencias extrahospitalarias. Para atender a esta realidade, sinalou Gómez Caamaño, Galicia é pioneira por ser a primeira comunidade autónoma que inclúe os técnicos de emerxencias sanitarias e do 061 entre o persoal a protexer.
Ademais, a protección amplíase a todas as categorías profesionais, incluído persoal de administración, admisión, transporte e inspección, tanto no ámbito público como no privado.
Abordaxe das novas tecnoloxías
O conselleiro de Sanidade sinalou entre as novas medidas que contempla a reforma legal que o profesional poderá suspender a atención a un paciente se hai gravacións sen o seu consentimento.
Tamén hai un apartado na lei dedicado ao acoso e ao ciberacoso como novas formas de violencia.
No que se refire aos infractores, poderá asignarse un profesional distinto ou outro centro de saúde para protexer a vítima. Así mesmo, o persoal que sexa agredido no seu traballo terá dereito á mobilidade laboral.
En paralelo, ponse en marcha un rexistro confidencial para inscribir todos os actos de violencia que sexan sancionados impulsaranse campañas informativas para sensibilizar a cidadanía.
Outra medida de prevención será a capacitación en manexo de conflitos, que será obrigatoria para o novo persoal e que contará como mérito na carreira profesional.
Gómez Caamaño recoñeceu as achegas dos colexios de Medicina, Enfermería, Psicoloxía, os técnicos de Emerxencias, persoal do 061 e as forzas e corpos de seguridade do Estado para enriquecer a lei que entrou en vigor o pasado 8 de abril.