A Xunta destina 600.000 € para que 25 mozos realicen estadías formativas de entre tres e catro meses en empresas de Portugal, Irlanda, Francia e Italia

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución de ‘Galicia Moza con Alma’, que procura facilitar o acceso ao traballo ou ampliar a formación de rapazada con dificultades

Permitirá a cinco entidades privadas sen ánimo de lucro desenvolver proxectos nos que se busque a integración laboral e formativa deste colectivo

A Asociación Sustinea, a Fundación Nortempo, a escola de tempo libre Don Bosco, ValoreSC Innovation e a ONG Mestura levarán a cabo estas iniciativas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Este programa forma parte das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, que conta con máis de 700 M€ para mellorar a calidade de vida da xente moza

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2026

A Xunta vai facilitar que 25 mozos e mozas en situación de vulnerabilidade realicen este ano prácticas formativas non laborais de, entre tres e catro meses, en empresas de Portugal, Irlanda, Francia e Italia.  Isto é posible grazas aos proxectos que van desenvolver cinco entidades sen ánimo de lucro co apoio de preto de 600.000 € ao abeiro do programa Galicia moza con Alma, cuxa resolución se publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, o programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai permitir a posta en marcha dun total de cinco iniciativas, con cinco participantes cada unha, que levarán a cabo a Asociación Sustinea, de desenvolvemento sustentable e conservación ambiental; a Fundación Nortempo, de formación e asesoramento de persoas en situación de risco de exclusión social; a escola de tempo libre Don Bosco; ValoreSC Innovation, de aplicación de proxectos sociais e educativos e a ONG Mestura, que traballa con colectivos en situación de vulnerabilidade.

Os proxectos van dirixidos á mocidade con baixo nivel formativo, que leve desempregada longo tempo, estea empadroada nun concello rural ou se atope en situación de risco de exclusión social. Deste forma, os  participantes recibirán de xeito personalizado acompañamento, preparación, formación e titorización en empresas das  cidades portuguesas de Lisboa, Amarante e Braga; na irlandesa de Cork; nas italianas de Lucca, Florencia Torre do Lago,  Viareggio, Vicenza, Verna, Milán e Torino, e nas francesa de Saint Germain-Sur Moine.

Tras estas estancias, ao seu regreso a Galicia, será cando dea comezo a última fase do programa. Nela, a mocidade participante vai contar con apoio continuado para que poidan desenvolver as novas capacidades adquiridas co obxecto de facilitar o seu acceso a un emprego ou seguir estudando e ampliando a súa formación. Para iso, estarán dentro dun plan complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.

60% de inserción laboral

Débese salientar que na primeira edición-piloto de Galicia Moza con Alma participaron 12 persoas que realizaron estadías formativas na cidade irlandesa de Cork e nas lusas de Amarante e Lisboa, cunha inserción laboral de preto do 60 % ao rematar o súa participación no proxecto.

Cómpre lembrar que este programa é unha das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, aprobado en abril deste mesmo ano, e que conta cun orzamento de máis de 700 M€ para marcar a folla de ruta do Goberno galego dos vindeiros tres anos. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida da xente nova, as súas competencias e capacidades, á vez que a súa participación activa no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2026