A Xunta destaca a importancia das novas tecnoloxías no ámbito dos coidados

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asiste a unha demostración organizada por ACEM sobre os beneficios do uso dun exoesqueleto en procesos de rehabilitación

Santiago de Compostela, 14 de abril do 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe a importancia que teñen cada vez máis as novas tecnoloxía no ámbito dos coidados. Fíxoo durante un acto organizado pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) para presentar como funciona un exoesqueleto, ferramenta robótica que se emprega en procesos de rehabilitación.

Ao respecto, Antón Acevedo sinalou que a Xunta leva tempo aproveitando nos seus centros de maiores as vantaxes que supoñen as novas tecnoloxías para facilitar o traballo do persoal e mellorar a atención e o benestar das persoas usuarias. Así, destacou a implantación nas residencias públicas autonómicas das denominadas habitacións intelixentes ou das terapias con realidade virtual, entre outros avances.

O uso de exoesqueletos permite, a través da estimulación do movemento, que as persoas gañen en autonomía e capacidade funcional, o que redunda na mellora da calidade de vida de persoas con esclerose múltiple, párkinson ou Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2026