A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado da Xunta, Agustín Reguera, supervisou hoxe na parroquia pontevedresa de Xeve o inicio das obras de reforzo de firme na PO-233
Allegue destaca o investimento de 16 M€ da Xunta este ano para a conservación e mantemento de máis de 160 km de estradas da provincia de Pontevedra
Os traballos que comezaron hoxe en Xeve forman parte dun contrato conxunto de 2,1 M€, para actuar en seis estradas ao seu paso por sete concellos: Pontevedra, Pontecesures, Valga, Ribadumia, Cambados, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa
Esta actuación súmase ás obras en execución en sete estradas que discorren por doce concellos das comarcas do Morrazo e do Baixo Miño, cun investimento de 3,7 M€
A conselleira avanza a próxima adxudicación dun novo contrato para intervir nos concellos da Estrada e Agolada e a licitación hoxe doutro contrato de 3,5M€ para actuar en Pontevedra e nos municipios de Vigo, Redondela, Nigrán e Salvaterra de Miño
A maiores, nos vindeiros días licitarase outro contrato máis por 3,6M€ na PO-533, que discorre polos concellos de Lalín, Dozón e Rodeiro
Pontevedra, 14 de abril de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou hoxe o inicio das obras de reforzo do firme na estrada PO-223, ao seu paso por Xeve, no concello de Pontevedra, unha actuación que enmarcou na aposta da Xunta por intensificar a conservación e o mantemento da rede viaria autonómica.
Durante a visita, a conselleira destacou que o investimento da Xunta neste ámbito segue medrando cada ano, que acada este ano 2026 máis de 16M€ só na provincia de Pontevedra, con actuacións en máis de 160 quilómetros de estradas autonómicas.
Os traballos que comezaron hoxe en Xeve forman parte dun contrato conxunto dotado con 2,1 M€, que permitirá actuar en seis estradas ao seu paso por sete concellos: Pontevedra, Pontecesures, Valga, Ribadumia, Cambados, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
Allegue subliñou que esta actuación súmase a outras xa en execución, como as que se están a desenvolver en sete estradas que discorren por doce concellos das comarcas do Morrazo e do Baixo Miño, cun investimento de 3,7 M€.
Ademais, avanzou que a Xunta está a piques de adxudicar un novo contrato para tres reforzos adicionais nos concellos da Estrada e Agolada. A isto engádese a licitación, xa en marcha hoxe mesmo, doutro contrato dotado con 3,5M€ para actuar de xeito conxunto en Pontevedra e nos municipios de Vigo, Redondela, Nigrán e Salvaterra de Miño.
A maiores, a conselleira tamén adiantou que nos vindeiros días licitarase outro contrato máis por 3,6M€ na estrada PO-533, que discorre polos concellos de Lalín, Dozón e Rodeiro.
A conselleira incidiu en que a seguridade viaria é a prioridade absoluta da Xunta, ademais de sumar cada ano novos quilómetros de estradas ou de aumentar a súa capacidade e funcionalidade, estándose a realizar “un esforzo sen precedentes” en materia de conservación e mantemento.