O conselleiro de Sanidade interveu na clausura da presentación do proxecto New Health: Cara a unha nova era da asistencia sanitaria centrada no paciente
Gómez Caamaño sitúa a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na vangarda europea da innovación sanitaria co impulso do proxecto New Health centrado no paciente
O titular de Sanidade destaca a capacidade do proxecto New Health, dotado cun orzamento de case 7 M€, de xerar cambios estruturais no sistema sanitario, comezando polos eidos da oncoloxía e as enfermidades cardiovasculares
Pon en valor o liderado científico dos doutores José Ramón González Juanatey e Rafael López López, impulsores dunha iniciativa que sitúa o paciente no centro
O proxecto promove reforzar a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal en aspectos clave como a medicina personalizada, a dixitalización da saúde e a integración de datos clínicos
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou hoxe a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na vangarda europea da innovación sanitaria co impulso do proxecto New Health de colaboración transfronteiriza centrada no paciente e orientado aos eidos da oncoloxía e a cardioloxía.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu no acto de clausura da presentación deste proxecto liderado pola Fundación Pública Galega de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS).
Na súa intervención no acto, o titular de Sanidade agradeceu aos doutores José Ramón González Juanatey e Rafael López López o seu liderado científico neste proxecto de cooperación transfronteiriza, que reflicte o enorme potencial investigador galego e o papel clave que xogan os institutos de investigación sanitaria da nosa comunidade á hora de conectar coñecemento, innovación e práctica clínica con outros territorios.
New Health nace co obxectivo de impulsar un modelo sanitario más eficiente, innovador e centrado no paciente, reforzando a cooperación entre Galicia e el Norte de Portugal en ámbitos clave como a medicina personalizada, a dixitalización da saúde e a integración de datos clínicos.
Gómez Caamaño puxo de relevo a capacidade que terá o proxecto de New Health para promover cambios estruturais no sistema sanitario, integrando asistencia, investigación e innovación nun mesmo modelo, co obxectivo de acadar unha sanidade máis eficaz e vangardista.
Tamén indicou o conselleiro que, deste proxecto, dotado con case 7 M€, destaca sobre todo o seu enfoque, posto que, máis alá da tecnoloxía e da innovación, pon no centro do sistema ao paciente, o que representa o maior acerto.
Trátase -proseguiu Gómez Caamaño- de avanzar cara unha sanidade máis próxima, máis equitativa e máis eficiente, capaz de dar resposta aos grandes retos actuais que son o envellecemento da poboación ou o aumento das enfermidades crónicas, sen perder nunca a perspectiva humana que define a práctica clínica.
Base sólida
Tal e como sinalou o conselleiro, o proxecto New Health nace sobre unha base sólida construída grazas ao traballo dos profesionais, ao impulso investigador de Galicia e a vontade de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal, e faino apostando por ámbitos clave como a oncoloxía e as enfermidades cardiovasculares.
Neste proceso, o conselleiro considera unha ferramenta central a plataforma transfronteiriza que permitirá compartir coñecemento, datos e servizos, conectando sistemas sanitarios e facendo máis fluída a atención entre Galicia e o Norte de Portugal.
Esta dimensión compartida é para Gómez Caamaño unha das grandes fortalezas do proxecto, posto que, cando dous territorios colaboran, ademais de sumar capacidades, multiplican os resultados.
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, á que agora se suman outras comunidades españolas é, para o conselleiro, un verdadeiro ecosistema de innovación sanitaria.
Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.