A Xunta impulsa en San Simón a residencia audiovisual Conecta Lab para avanzar no desenvolvemento de seis novos proxectos cinematográficos

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais destaca a utilidade do encontro para concretar e mellorar o proceso de creación

As persoas seleccionadas nesta cuarta edición son Alfonso Zarauza, Ledicia Sola, Ariel F. Verba, Alba Sueiro, Luis Avilés, Ángela Andrada, Carlos Martínez-Peñalver e Anita Pico

Conecta Lab forma parte das oito iniciativas beneficiarias da última liña de axudas da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para incubadoras, residencias e laboratorios audiovisuais

Redondela (Pontevedra), 14 de abril de 2026

A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, inauguraron esta tarde na illa de San Simón a cuarta edición de Conecta Lab, a residencia audiovisual que ata o 20 de abril impulsará seis proxectos cinematográficos en desenvolvemento a través dun programa intensivo de titorías e actividades profesionais. O director da Axencia Galega das  Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto de apertura e recepción dos asistentes ao encontro, apoiado polo Goberno galego a través da última convocatoria de subvencións a este tipo de iniciativas.

Na súa intervención, o representante do Goberno galego salientou o valor de accións como Conecta Lab para acompañar o audiovisual galego nas primeiras fases do proceso creativo e indicou que “espazos como este son fundamentais para que as ideas poidan madurar en boas condicións, con tempo, asesoramento e diálogo profesional”. Neste sentido, referiuse ao marco idóneo de traballo que ofrecen as instalacións da Xunta no arquipélago da enseada da ría Vigo, cedidas tamén á Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA para acoller a cita.

Jacobo Sutil subliñou ademais que Conecta Lab forma parte das oito propostas beneficiarias da última convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais. Puxo así o foco nesta liña de apoio ao sector, publicada de xeito extraordinario en 2025 para fortalecer a fase previa ao desenvolvemento audiovisual mediante programas de formación, asesoramento e encontro profesional que contribúan á mellora dos proxectos e á súa futura viabilidade artística, técnica e financeira.  

Seis proxectos seleccionados

As persoas seleccionadas para esta cuarta edición de Conecta Lab son Alfonso Zarauza e Ledicia Sola con Islandia, unha ficción sobre a reconstrución persoal dun home atravesado pola perda; Ariel F. Verba con El Parpadeo, unha proposta de carácter íntimo arredor da memoria e do arquivo familiar; Alba Sueiro con Barceloneta Free Tour, un proxecto que aborda desde o documental a transformación urbana e a turistificación; Luis Avilés e Ángela Andrada con ZOOS, un relato coral de ficción ambientado en Vigo sobre exclusión e precariedade; Carlos Martínez-Peñalver con Fulgor, unha historia que vincula pasado e presente a partir da investigación sobre un músico desaparecido; e Anita Pico con Shido, tamén de ficción, centrado no conflito identitario e na presión competitiva no ámbito deportivo. No seu conxunto, as propostas ofrecen unha mostra diversa do audiovisual contemporáneo, con traballos que dialogan entre a ficción e o documental a partir de cuestións como a identidade, a memoria, o territorio ou os procesos de transformación social.

O equipo de titorías está integrado desta volta por Oskar Alegría, Juana Macías, Luis López Carrasco, Ana Sanz-Magallón e Álvaro Vega, que acompañarán os proxectos tanto nos seus aspectos narrativos como nas estratexias de comunicación e presentación.

A Illa de San Simón volve ser o escenario desta residencia, achegando un contexto singular para o traballo creativo. Ademais, ao longo da semana, a programación completarase cunha serie de actividades paralelas que incluirán clases maxistrais en colaboración coa asociación DAMA, así como encontros profesionais e espazos de intercambio entre participantes e persoas convidadas.

Data de actualización: 14/04/2026