Arias participa en Ribadeo nos actos conmemorativos polo centenario de Leopoldo Calvo Sotelo
Ribadeo (Lugo), 14 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe nos actos organizados polo Concello de Ribadeo con motivo do centenario do nacemento de Leopoldo Calvo Sotelo. Comezaron cunha ofrenda floral no cemiterio municipal seguida dun pleno extraordinario no que a corporación acordou oficialmente dedicar o ano 2026 á figura do que fora presidente do Goberno de España entre os anos 1981 e 1982.
O Concello inicia así, coincidindo coa data exacta do centenario, a programación especial para lembrar a Calvo Sotelo, peza clave nos primeiros anos da democracia. Javier Arias gabou “a altura intelectual e política” do homenaxeado e destacou “o fondo vínculo que mantivo con Ribadeo, impulsando proxectos que determinaron o seu progreso e contribuíndo á súa promoción”.