O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura do período de libre elección
O Servizo Galego de Saúde abre este xoves o prazo para a elección de hospital na área sanitaria de Vigo
Poderán solicitar o cambio de hospital os pacientes dos concellos de Cangas de Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e de determinados centros de Vigo
Ábrese un prazo de 30 días naturais para que as persoas interesadas presenten as súas solicitudes
A documentación poderá presentarse en cada centro de saúde, nos servizos de admisión dos hospitais de Vigo ou a través de internet
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na área sanitaria de Vigo. Así, o Servizo Galego de Saúde garante que os pacientes poidan elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia, optando entre o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ou o Hospital Povisa.
As persoas beneficiarias do Servizo Galego de Saúde dos centros de saúde dos concellos de Cangas de Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, así como, no concello de Vigo, dos centros de saúde de Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, Pintor Colmeiro, Olimpia Valencia, Rosalía e Beiramar poderán facer efectivo o dereito á libre elección do paciente de provisor de asistencia sanitaria especializada.
A 31 de marzo de 2026, teñen como hospital de referencia o Hospital Provisa 110.555 persoas.
As solicitudes de cambio para un ou outro hospital realizaranse no prazo comprendido nos 30 días naturais a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da citada resolución.
No que atinxe á documentación necesaria, deberá achegarse a solicitude segundo os modelos que se achegan na resolución e que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde, ademais de documento identificativo do solicitante (DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro -TIE- ou pasaporte).
Se a petición a presenta un titor ou titora legal ou outra persoa autorizada, deberá presentarse tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica da persoa interesada.
A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na área sanitaria de Vigo. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet na páxina web do Sergas.