A Xunta urxe o Goberno central maior celeridade no traspaso de competencias para mellorar os servizos que se prestan aos galegos
A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, abordou no Parlamento o estado das transferencias solicitadas
Sandra Vázquez informou de que o Goberno galego está estudiando a proposta para asumir a xestión de aeródromos e heliportos non considerados de interese xeral
O Executivo autonómico esixe tamén as competencias sobre autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras en Galicia
Volve denunciar que os atrancos para rescatar e ceder a xestión da AP-9 prexudican á cidadanía e ao tecido produtivo
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026
A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, incidiu hoxe no Parlamento na vontade da Xunta de seguir ampliando o autogoberno de forma ordenada e útil para a cidadanía, baixo a premisa de que cada competencia debe exercerse no nivel administrativo máis eficaz. “Non se trata de solicitar transferencias sen límite, senón de asumir o que honestamente cremos que podemos facer mellor que o goberno central”, sinalou.
Sandra Vázquez fixo fincapé en que a Xunta continuará negociando co Estado novas transferencias que redunden na defensa dos intereses de Galicia. Neste contexto, e no ámbito das infraestruturas, informou de que o goberno galego segue avanzando na negociación para a transferencia da xestión de aeródromos e heliportos non considerados de interese xeral e que, logo de presentar a solicitude o ano pasado, na actualidade está analizando a proposta que recibiu a semana pasada.
A Xunta traballa tamén, segundo informou, na reclamación da asunción da competencia sobre autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras en Galicia. O obxectivo é poder axilizar os trámites e mellorar a resposta ao reto demográfico e ás necesidades reais do mercado laboral galego.
No eido social, o goberno autonómico esixe tamén o traspaso do Ingreso Mínimo Vital coa idea de xestionalo ao mesmo tempo que a RISGA, evitando así que as persoas afectadas teñan que ir dunha administración a outra para complementar as axudas estatais e autonómicas. O traspaso, solicitado en xuño de 2024, segue aínda pendente de resposta.
Durante a súa comparecencia, Sandra Vázquez volveu insistir na reclamación do rescate da concesión da AP-9 e o traspaso da titularidade da xestión á Xunta, unha infraestrutura clave para Galicia. O executivo galego reiterou a necesidade de avanzar xa na súa transferencia logo de anos de debate no Congreso dos Deputados e advertiu do impacto económico que supoñen as peaxes, entre as máis caras do Estado, tanto para a cidadanía como para o tecido produtivo.Outro dos asuntos abordados foi a recente transferencia da xestión do litoral, efectiva desde o 1 de xullo de 2025 e que lle permite á comunidade asumir funcións clave en materia de autorizacións, concesións, inspeccións e sancións no dominio público marítimo-terrestre. Para acompañar esta nova competencia, a Xunta aprobou o Plan Litoral e puxo en marcha novos órganos de coordinación e participación como a Comisión Interdepartamental do Litoral e o Foro do Litoral.