A Xunta inviste 42.000 euros na reparación de tres aulas e un corredor do CPI Plurilingüe Santa Lucía, no concello de Moraña
O delegado territorial visitou esta mañá o centro educativo para comprobar a mellora das instalacións
A actuación reforza o compromiso da Xunta coa conservación e modernización dos centros escolares
Moraña (Pontevedra), 15 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CPI Plurilingüe Santa Lucía, en Moraña, para coñecer o resultado das obras de reparación executadas no centro educativo grazas a un investimento autonómico de case 42.000 euros.
A actuación permitiu a reparación e posta a punto de tres aulas e dun corredor, mellorando o estado xeral destas dependencias e garantindo unhas condicións máis axeitadas para o desenvolvemento da actividade lectiva diaria, tras a inundación que sufriu o centro o pasado mes de febreiro.
Os traballos centráronse na renovación do pavimento danado, así como do falso teito e das luminarias. Ademais, colocáronse novas portas e armarios.
Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia de actuar de forma rápida e efectiva ante este tipo de sucesos e sinalou que “cada mellora que se realiza nos centros educativos tradúcese nun beneficio directo para a comunidade, ao permitir espazos máis cómodos, seguros e adaptados ás necesidades do día a día”.
Neste sentido, puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa conservación e modernización das infraestruturas educativas públicas, a través de actuacións que contribúen a manter os centros en óptimas condicións.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
O Goberno galego ten un compromiso coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).