A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanza que mañá se iniciará o proceso de consulta pública da Lei contra o acoso e a violencia dixital de Galicia
A Xunta impulsará un Plan de formación especializada sobre violencia dixital destinado a todos os axentes sociais que participan na atención directa ás vítimas
Fabiola García destaca que Galicia será pioneira en España e en Europa ao contar cunha lexislación específica neste ámbito para previr e apoiar as vítimas, que son maioritariamente menores, mulleres e persoas LGTBI
Anuncia que se garantirá a asistencia xurídica gratuíta para as vítimas en todo momento, “antes, durante e despois da denuncia”
A conselleira sinala que se prevé a posta en funcionamento dun novo servizo para a eliminación daquel material dixital accesible en rede que se usou como instrumento de acoso ou de violencia dixital
Asegura que esta norma reforza o compromiso da Xunta na prevención, a axuda e a protección ás vítimas de violencia dixital, especialmente a mulleres e menores
Santiago de Compostela, 15 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou que mañá, xoves 16 de abril, abrirase o proceso de consulta pública da futura Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia. Deste xeito, e ata o vindeiro 8 de maio, os particulares, entidades e organismos interesados poden presentar as súas alegacións ao texto. Entre as principais novidades, destaca a posta en marcha por parte da Xunta dun plan de formación especializada destinado a todos os axentes sociais que participan na atención directa ás vítimas de violencia dixital.
Na súa intervención, a conselleira destacou que, deste xeito, Galicia “será pioneira en España e en Europa”, ao dotarse dunha lexislación específica destas características, coa que se queren combater violencias como o ciberacoso ou ciberbullying ou a violencia sexual, que supón o envío non consentido de mensaxes de contido sexual ou a difusión non consentida de material sexual. Unha violencia da que son obxecto, de maneira maioritaria, menores, mulleres e persoas LGTBI.
Entre as principais novidades, Fabiola García destacou o impulso dun plan de formación especializada sobre violencia dixital para todos os axentes sociais que participan no proceso de atención ás vítimas. Esta formación irá destinada ao persoal dos Centros de Información á Muller (CIMS), dos Centros de Crise, dos servizos sociais municipais, dos forzas e corpos de seguridade e aos letrados, a través dos colexios oficiais. Unha formación que a conselleira definiu como “moi necesaria, xa que a violencia dixital é un concepto moi amplo que engloba diferentes realidades”.
Outra das novidades que se inclúen no texto é que a Xunta garantirá “en todo momento” a asistencia xurídica gratuíta para todas as vítimas de acoso e violencia dixital (con independencia da súa idade ou xénero), “antes, durante e despois da denuncia”, recalcou.
Borrado da pegada dixital
A norma tamén incluirá a posta en funcionamento dun servizo de borrado da pegada dixital. Esta medida trata de facilitar a eliminación do material dixital accesible en rede que se usou como instrumento de acoso ou violencia dixital, favorecendo a restauración da reputación dixital.
Ademais, prevese a creación dun espazo virtual, onde as vítimas poderán recibir asesoramento gratuíto para previr outros ataques ou supostos de violencia dixital. A finalidade é que as vítimas saiban reaccionar e tomen as medidas necesarias ante o acoso e as violencias que sofren a través dos seus ordenadores, teléfonos móbiles, tabletas ou calquera outro dispositivo.
Así mesmo, a conselleira de Política Social e Igualdade sinalou que se desenvolverán programas psicopedagóxicos de intervención especializada en adicións ás novas tecnoloxías dirixidos a menores e ás súas familias. Tamén se implantarán máis medidas de prevención e sensibilización no ámbito educativo, tanto na etapa de secundaria como no ensino universitario.
Novas expresións da violencia
Por último, Fabiola García fixo fincapé en que este texto normativo “será unha ferramenta moi importante e necesaria” para combater as diferentes expresións e novas formas que adopta a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías. Ademais, sinalou que, con esta actuación, “reforzamos o compromiso da Xunta coa prevención, coa axuda e coa protección ás vítimas de violencia dixital, especialmente a mulleres e menores”.