A Xunta pon en valor o transporte metropolitano na área da Coruña con 210.000 servizos ao ano en máis dun cento de liñas

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, aclarou que se trata do contrato que máis servizos ofrecer de toda a comunidade e tamén o de maior demanda con 5 millóns de persoas viaxeiras rexistradas o ano pasado

Destacou ademais que esta concesión é a segunda con máis autobuses de Galicia con case medio cento de vehículos

Incidiu en que a Xunta atende as demandas dos concellos coa incorporación de novas cando as propostas sexan “viables, útiles para a cidadanía e compatibles cun servizo rigoroso e estable”

A Coruña, 15 de abril de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, destacou hoxe no Parlamento galego o compromiso do Goberno galego co transporte público na área metropolitana da Coruña, ao tratarse do contrato que máis servizos ofrece de toda a comunidade con máis de 210.000 ao ano. Neste contrato -engadiu- funcionan 109 liñas e máis de 3.200 paradas ao longo de 3,5 millóns de quilómetros para dar resposta á elevada demanda. De feito, o ano pasado nas liñas desta área rexistráronse cinco millóns de persoas viaxeiras, a cifra máis alta da comunidade, ao representar o 18% do total. Ademais, tal e como aclarou, trátase da segunda concesión con máis autobuses de Galicia, con case medio cento.

Nesta liña, incidiu en que a capacidade para atender a demanda habitual de viaxeiros é suficiente cunha media diaria de máis de 54.000 prazas, ao igual que considera adecuadas as frecuencias dispoñibles e a ocupación dos servizos nas conexións da área metropolitana coa Coruña.

Judit Fontela incidiu en que a Xunta asume e atende as demandas dos concellos e xa deu resposta a varias das súas peticións, sempre que as propostas sexan “viables, útiles para a cidadanía e compatibles cun servizo rigoroso e estable”. Así, puxo como exemplos os reforzos realizados o pasado verán para mellorar o acceso ás praias de Oleiros ou ao parque acuático de Cerceda, xunto coa incorporación en novembro do ano pasado dunha nova parada na urbanización de Xaz, tamén en Oleiros, nunha liña ata Entrexardíns, o que supuxo aumentar a oferta con 12 servizos adicionais. Ademais, desde o pasado xaneiro adaptáronse os horarios de catro servizos en Cambre para facilitar o transporte entre O Temple e o IES Afonso X O Sabio.

Neste diálogo e traballo continuado, a Xunta aborda outras propostas para mellorar a oferta no corredor coa cidade da Coruña que precisamente se avaliaron onte na reunión da directora xeral cos concellos do cinto metropolitano -Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros-. En concreto, a  mellora das conexións coa Universidade e cos polígonos industriais como o de Iñás.

Judit Fontela subliñou que calquera modificación dos servizos debe realizarse con base en criterios técnicos, garantindo a eficiencia do sistema e o uso responsable dos recursos públicos, ao tempo que se dá resposta ás necesidades de mobilidade da cidadanía. Por iso, aclarou que a Xunta continuará traballando cos concellos galegos para implantar as melloras que resulten viable, no caso do transporte metropolitano da Coruña no marco da coordinación levada a cabo a través das reunións da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña e os grupos de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2026