O sistema sanitario público galego foi o 3º con mellores datos no relativo a tempos medios de espera para unha cirurxía, mellorando posicións

Galicia sitúase como a comunidade coa menor porcentaxe de pacientes que esperan máis de 60 días para unha consulta co especialista

A peche de 2025, o tempo medio de espera para acceder á primeira consulta co especialista situouse en Galicia 39 días menos que a media nacional, con 63 días fronte a 102 días no conxunto do Estado

Galicia é a comunidade que conta con menos pacientes que deben agardar máis de 6 meses para ter unha primeira consulta co especialista, cunha porcentaxe do 41,3 % fronte ao 61,5 % da media nacional

No que atinxe ás cirurxías, Galicia rexistra 48 días menos de espera media que a media nacional, con 73 días fronte aos 121 da media de España

A pesar dos efectos das folgas médicas contra o Estatuto Marco do Goberno central, os esforzos de xestión realizados pola Xunta permiten que os galegos sigan a contar con algúns dos mellores rexistros no que atinxe ao acceso á sanidade pública

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026

Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025.

A pesar dos efectos das folgas médicas contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central, os esforzos de xestión realizados pola Consellería de Sanidade permiten que os galegos sigan a contar con algúns dos mellores rexistros no que atinxe ao acceso á sanidade pública.

Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

O bo funcionamento do sistema sanitario público galego tamén se observa nun indicador moi importante: na porcentaxe de pacientes que deben esperar máis de 60 días para unha primeira consulta. Neste caso, a sanidade pública galega achega os mellores datos do conxunto: en Galicia a porcentaxe de pacientes que esperan máis de 60 días para unha primeira consulta co especialista é inferior en máis de 20 puntos porcentuais respecto á media nacional: 41,3 % en Galicia fronte ao 61,5 % da media nacional, sendo así a comunidade con menos pacientes que esperan máis de 60 días por unha consulta.

Tempo de espera para acceder a unha cirurxía

Ao remate do ano 2025, Galicia situouse como a terceira Comunidade con mellores tempos de espera para acceder a unha intervención cirúrxica. Deste xeito, escala posicións respecto dos datos de xuño do mesmo ano, cando estaba de cuarta.

En cifras, a media galega rexistrou en decembro de 2025 unha espera media de 73 días para operarse, 48 días menos que a media nacional, situada en 121.

Na mesma liña, a sanidade pública galega mellora a súa posición como a terceira comunidade con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 6 meses por unha cirurxía. Neste eido, só un 5,7 % dos pacientes galegos superaban este tempo, fronte ao 21,6 % da media nacional, ou o 32 % que rexistraron comunidades como Cataluña.

A Xunta agradece o esforzo e dedicación do conxunto de profesionais do Servizo Galego de Saúde, cuxo labor permite situar á sanidade pública galega como unha das mellores de todo o territorio nacional, e traslada o compromiso para seguir traballando co obxectivo de continuar a mellorar os tempos de acceso e a calidade dos servizos que se lle prestan aos pacientes.

Data de actualización: 16/04/2026