Martina Aneiros participa nunha xornada de Inspiradores polo Clima para impulsar o talento novo no ámbito ambiental
A delegada territorial da Xunta en Ferrol animou aos 29 alumnos participantes na visita á Finca Horticina-Cool Farms en Cerdido a aproveitar as oportunidades da actividade
O programa enmárcase dentro de Mocidade polo Clima, unha das iniciativas recollidas na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050
Cerdido (A Coruña), 16 de abril de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de Cerdido, Alberto Javier Rey, participou hoxe nunha das accións de divulgación do programa Inspiradores polo Clima desenvolvida na Finca Horticina-Cool Farms.
Este programa ten como obxectivo fomentar a innovación e o talento dos mozos/as que queren desenvolver a súa carreira profesional no sector medioambiental. Para isto, achega a mocidade ás distintas empresas que forman parte da Alianza Galega polo Clima a través de obradoiros en centros educativos ou, coma neste caso, con visitas de alumnado universitario e de ciclos formativos a centros de traballo.
Aneiros saudou aos 29 alumnos de Produción Agropecuaria da EFA Fonteboa-Coristanco que participaron na visita. “Esta é unha gran oportunidade para coñecer o funcionamento da empresa, pero tamén para ampliar a rede de contactos de cara ao voso futuro profesional”, asegurou a delegada, que animou á comunidade educativa a interesarse por esta clase de programas.
Os mozos de entre 16 e 18 anos puideron coñecer diferentes espazos das instalacións da man do director agrícola de Cool Farms, Bastián González, que os guiou pola sala de procesado, a zona de produción, as cubertas vexetais que protexen os cultivos, o sistema de polinización e as balsas para o abastecemento de auga.
O Grupo Cool, anteriormente Horticina, é unha compañía galega en expansión que aposta pola agricultura rexenerativa. Trátase da empresa coa maior explotación de arandos do norte peninsular, producindo ao ano unhas 600 toneladas desta froita, aínda que tamén traballan outros cultivos, como o kiwi, as castañas ou as cereixas.
Inspiradores polo Clima
Este programa enmárcase dentro de Mocidade polo Clima, unha iniciativa que conta con programas formativos como Meteoescolas, Escolas Verdes e Retos Climáticos, así como accións de divulgación, como é Inspiradores polo Clima. No curso pasado, máis de 23.700 mozos e mozas de toda Galicia participaron nas actividades de Mocidade polo Clima.
A Xunta de Galicia está a desenvolver actuacións coma estas para concienciar á xente nova sobre o cambio climático e os seus efectos, todas elas recollidas na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.