A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde, Carlos López, o convenio para a humanización da LU-730
A Xunta inviste máis de 400.000€ na Fonsagrada para actuacións en materia de seguridade viaria
A Xunta financiará á humanización da LU-730, co obxectivo de mellorar a seguridade e accesibilidade desta travesía, que vertebra a maior parte da zona vella da vila modificacións
Os traballos incluirán a renovación do firme, a mellora ou instalación de beirarrúas, a mellora da rede de saneamento, así como a Instalación de mobiliario urbano e nova sinalización
Allegue subliña a colaboración co Concello da Fonsagrada para abordar esta actuación, que financiará a Xunta e licitará e executará a Administración local
A Administración autonómica inviste outros 223.000€ na execución da glorieta na intersección existente entre as estradas autonómicas LU-530, LU-740 e LU-730
A Fonsagrada (Lugo), 16 de abril de 2026
A Xunta inviste máis de 400.000€ na Fonsagrada para actuacións en materia de seguridade viaria. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde do concello lucense, Carlos López, o convenio para abordar a humanización da Rolda de Fonsagrada, a LU-730, na que a Administración investirá preto de 200.000€. Ademais, a Xunta ten en execución unha glorieta na intersección existente entre esta estrada e os viarios autonómicos LU-530 e LU-740, no núcleo municipal, cun investimento de 223.000€.
Allegue destacou que a través da actuación na Rolda de Fonsagrada búscase mellorar a seguridade e accesibilidade desta travesía, que vertebra a maior parte da zona vella da vila e coincide, case na súa totalidade, co percorrido urbano do Camiño Primitivo de Santiago-Camiño Norte ruta interior. Sinalou que esta estrada autonómica foise convertendo co paso do tempo nun viario esencialmente urbano, perdendo a súa funcionalidade, e intervirase para “arranxar, mellorar e embelecer” a estrada e acadar unha contorna ordenada, accesible e segura.
En concreto, actuarase nun tramo desde o punto quilométrico 0+000 ata a intersección con estrada LU-530. Os traballos incluirán a renovación do firme do tramo, a mellora ou instalación de beirarrúas, a instalación dunha varanda de protección nun tramo, a cimentación dun novo muro de contención, a mellora da rede de saneamento, así como a Instalación de mobiliario urbano e nova sinalización. As obras terán un prazo de execución de 3 meses.
De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta financiará as actuacións proxectadas con 189.098€, mentres que o Concello da Fonsagrada licitará e executará as obras. Ademais, a Administración local acepta a transferencia do viario da estrada autonómica LU-730, ronda da Fonsagrada desde o punto quilométrico 0+070 e o final na intersección coa estrada LU- 530, avenida de Galicia, no punto quilométrico 0+550. Se exceptúa de dita transferencia o nó viario no seu quilómetro 0+000 coa LU-530.
Allegue subliñou o acordo co Concello para executar esta intervención e sinalou o necesario traballo conxunto entre administracións “para seguir avanzando nesa Galicia Calidade da que estamos todos orgullosos e esta actuación é un exemplo”.
Glorieta na intersección coa LU-530 e LU-740
A conselleira destacou ademais que esta actuación complementa a execución da glorieta que a Xunta ten en marcha na conexión desta rúa coa LU-530 e coa LU-740. Esta nova glorieta ordenará os fluxos circulatorios no acceso principal á zona urbana desde Lugo. “Investimos para mellorar a calidade de vida dos vecinos e visitantes, porque esta é unha zona de paso tamén do Camiño de Santiago”, indicou.