A Xunta dá luz verde ambiental con condicións ao plan para urbanizar a zona do complexo industrial do Grupo Empresas Álvarez en Vigo e construír ata 950 vivendas
O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos no ámbito de actuación, pero inclúe condicionantes para introducir melloras nalgunhas cuestións
A iniciativa afecta a máis de 106.000 metros cadrados, que se distribuirán en tres quinteiros destinados a vivenda libre, dous a protexida e un a usos terciarios comerciais coa creación de 361 prazas de aparcadoiro público
O plan conserva a cheminea da factoría de Santa Clara e asigna un nivel de protección estrutural ao edificio principal de oficinas e un nivel de protección ambiental ao resto de elementos
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan especial de reforma interior do ámbito SUNC-413 Álvarez-Ramón Nieto, no Concello de Vigo, co que se pretende urbanizar o espazo que ocupaba o complexo industrial do Grupo de Empresas Álvarez e construír ata 950 vivendas na zona, entre protexida e libre.
O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución en relación con aspectos paisaxísticos, de protección do patrimonio cultural, de xestión da auga, sobre o ruído ambiental ou de mobilidade na contorna.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada da iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibise ningunha.
Unha vez emitido, o IAE foi remitido aos promotores (Residencial El Rocío SL e Inversiones Subel SL) e ao órgano substantivo (o Concello de Vigo) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e agora faise público mediante a publicación do anuncio correspondente tanto no Diario Oficial de Galicia como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O obxecto do proxecto é establecer a ordenación detallada do polígono de solo urbano non consolidado do SUNC-413 previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), nos terreos situados na área leste do termo municipal de Barreiro (na parroquia de Santa Cristina de Lavadores) e correspondentes co espazo que ocupaban as antigas instalacións do complexo industrial da factoría cerámica de Santa Clara, pertencente ao Grupo de Empresas Álvarez.
A ordenación proposta da superficie afectada -máis de 106.000 metros cadrados- distribúe o espazo en seis quinteiros, cinco destinados a usos residenciais e un a usos terciarios comerciais. Os tres quinteiros residenciais da metade norte acollerán vivenda libre e estarán constituídos por catro edificacións estruturadas en forma de L e conformando prazas no seu interior.
Os dous para vivenda protexida sitúanse en continuidade aos de vivenda libre ao sueste, xunto a pezas do conxunto fabril catalogadas (o edificio administrativo principal de Santa Clara coa súa ampliación posterior e a cheminea do forno) que se prevé rehabilitar e incorporar como dotacións de equipamento público.
A altura máxima das edificacións residenciais será de 5 e 7 andares, permitindo a construción dun máximo de 950 vivendas. Mentres, o sexto quinteiro será para usos terciarios na zona sueste e acollerá áreas comerciais en edificación illada, pareada ou encostada, cunha altura máxima de 18 metros e tres andares. Nas vías perimetrais do plan inclúense ademais 361 prazas de aparcadoiro público, a maior parte localizadas no viario principal paralelo á avenida de Ramón Nieto.
A proposta conserva tamén a cheminea da factoría, elimina elementos do conxunto que se atopan en estado de ruína e asigna un nivel de protección estrutural ao edificio principal de oficinas e un nivel de protección ambiental ao resto de elementos: ampliación do edificio de oficinas, fábrica con cuberta a dúas augas, cheminea e nave abovedada. Mentres, a área que ocupaba a nave de cubertas abovedadas situada ao oeste pasa a formar parte da zona verde vinculada ao río Lagares.