O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na mesa local do comercio, visitou a praza de abastos e os negocios By Hortensia, Lentocoop, Naná e Bolsos Núñez

A Xunta reforza en Ribadeo o seu compromiso co comercio de proximidade como motor económico e exemplo de emprendemento ligado ao territorio

José González destaca as mesas locais de comercio como espazos de colaboración entre administración, sector e persoas consumidoras para responder ás necesidades específicas de cada contorna e que se ven reforzados coa Mesa do Comercio de Galicia

Pon en valor ACISA como entidade referente na dinamización comercial e sinala como exemplo ‘O noso comercio é vida. Vive Ribadeo’, unha das cinco campañas extraordinarias seleccionadas pola Xunta en 2025 no marco dos apoios aos CCAs

Avanza que en vindeiras semanas a Xunta iniciará a formación aos xerentes dos Centros Comerciais Abertos para impulsar a súa profesionalización

Salienta o apoio da Xunta para seguir impulsando a praza de abastos do municipio e avanzar na súa certificación como Mercado Excelente, destacando a súa relevancia na comercialización de produto fresco, local e de calidade

Refírese a retos do sector como a remuda xeracional, ámbito no que destacou apoios autonómicos como o Bono Remuda e o labor da Rede de polos de emprendemento

Ribadeo (Lugo), 18 de abril de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe Ribadeo nunha xornada de traballo centrada en poñer en valor o comercio de proximidade. No marco desta visita, na que tamén estivo presente o alcalde do municipio, Daniel Vega, participou na mesa local de comercio e percorreu a praza de abastos, ademais de coñecer de primeira man iniciativas de emprendemento vencelladas ao tecido comercial da vila como a floraría By Hortensia e a panadería Lentocoop.

No marco da mesa local do comercio de Ribadeo, o conselleiro puxo en valor estes órganos como espazos fundamentais de diálogo e coordinación nos que administracións locais, representantes do sector e persoas consumidoras traballan da man para impulsar un comercio de proximidade adaptado ás necesidades de cada contorna. Neste sentido, salientou a participación activa de ACISA Ribadeo como entidade clave e referente na dinamización comercial do concello e destacou, como exemplo da súa capacidade e excelencia, iniciativas como a campaña O noso comercio é vida. Vive Ribadeo, recoñecida entre as cinco campañas extraordinarias seleccionadas pola Xunta en 2025 no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario. Ademais, avanzou que en vindeiras semanas a Xunta iniciará a formación aos xerentes dos Centros Comerciais Abertos para impulsar a súa profesionalización.

Neste contexto, José González subliñou que a experiencia destas mesas locais se ve agora reforzada coa recente constitución, esta mesma semana e en cumprimento do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, da Mesa do Comercio de Galicia. Trátase dun órgano colexiado consultivo e de participación que permitirá consolidar un espazo de diálogo estable entre as distintas administracións públicas e os axentes do sector, co obxectivo de mellorar a coordinación, avanzar na modernización do comercio galego e dar unha resposta máis eficaz aos retos actuais do sector.

Impulso das prazas de abastos

Durante a visita á praza de abastos de Ribadeo, José González asistiu á primeira actividade do proxecto Gastropraza, no que colaboran a Xunta, Acisa e a Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo. Alí salientou o apoio autonómico para seguir impulsando este espazo e avanzar na súa certificación como Mercado Excelente. Neste contexto, incidiu no papel central que desempeñan as prazas de abastos como eixes do comercio de proximidade, destacando a súa relevancia na comercialización de produto fresco, local e de calidade. Nesta liña, lembrou o compromiso do Goberno galego coa súa modernización e mellora continua, a través de instrumentos como a orde específica dotada con 2,3 M€ en 2026, orientada a adaptar estes espazos aos novos hábitos de consumo e reforzar a súa competitividade. Ademais, fixo referencia ao Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia, dotado con máis de 23 M€ ata 2030, co obxectivo de acadar 25 mercados certificados, así como a iniciativas de dinamización como Prato de Mercado, que contribúen a reforzar o vínculo entre as prazas e a gastronomía galega, promovendo o consumo de produto de proximidade.

Vencello de emprendemento e comercio

No ámbito do emprendemento ligado ao sector comercial, o conselleiro visitou a floraría By Hortensia, a panadería Lentocoop, a tenda de roupa Naná e Bolsos Núñez, iniciativas locais que exemplifican o potencial do talento emprendedor vinculado ao territorio. Alí referiuse a retos do sector como a remuda xeracional, ámbito no que destacou apoios autonómicos como o Bono Remuda e o labor da Rede de polos de emprendemento, con 15 oficinas en Galicia —cinco delas na provincia de Lugo, situadas en Mondoñedo, Friol, A Fonsagrada, Sarria e Monforte de Lemos—, que xa teñen atendido máis de 1.200 proxectos, nos que o comercio ten un peso destacado. Tamén lembrou as principais medidas impulsadas pola Xunta no pulo ao sector, entre as que salientou as axudas ao tecido comercial, dotadas este ano con case 4 M€; os bonos Activa Comercio, cos que xa se adheriron máis de 30 establecementos no municipio; e o impulso da formación para avanzar na profesionalización do sector, incluíndo o Plan de Formación do Comercio Galego e unha nova liña de 1 M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2026