A Xunta incrementa ata 75.000 euros a achega para apoiar certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado
A convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está destinada a colaborar nos custos da organización de festivais, feiras ou ciclos de entidades sen fin de lucro
A subvención máxima que poden recibir é de 10.000€ e deben contar cun mínimo do 30 % das súas actuacións artísticas a cargo de grupos ou compañías galegas
As entidades interesadas poden solicitar estes apoios ata o 18 de maio
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2026
A Xunta incrementa ata 75.000 euros a achega para apoiar a celebración de certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para este 2026. Así se recolle na convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicada no Diario Oficial de Galicia e na que se especifica que esta liña de axudas para entidades sen fin de lucro medra en 5.000 euros con respecto ao pasado ano.
Tal e como se recolle no texto da convocatoria, as solicitudes para acceder a estas subvencións poderán presentarse ata o 18 de maio e non poderán costear máis do 70 % do orzamento total do proxecto. En todo caso, a axuda máxima que se pode recibir é de 10.000€ por festival, feira, mostra, ciclo ou certame, que deberán cumprir unha serie de requisitos.
A este respecto, os criterios que deben contar inclúen que a duración mínima de calquera destes formatos escénicos ou musicais sexa de dous días consecutivos e seis como máximo. Neste caso, cando menos dúas xornadas deben ser seguidas. Ademais, o orzamento destinado á contratación artística non poderá supera o 50 % do orzamento do proxecto presentado.
De igual xeito, esíxese que a programación destas citas culturais inclúa un 30 % do total das actuacións artísticas a cargo de grupos ou compañías galegas, ao que se lle engade que a entrada a estes eventos terá que se libre e de balde. Estes apoios buscan ademais fomentar o achegamento de propostas culturais no rural, na liña da Lei de Cultura inclusiva e accesible impulsada pola Xunta de Galicia.