Arias participa nun encontro sobre liderado e xestión de equipos organizado polo Grupo Lence en Lugo
Lugo, 20 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu ao sétimo encontro dos ‘Desayunos con Carmen’, unha iniciativa promovida polo Grupo Lence co fin de achegar ao sector produtivo lucense ideas e experiencias en ámbitos como o emprendemento, a innovación ou o liderado empresarial.
O convidado do encontro celebrado hoxe foi o adestrador do CB Breogán, Luis Casimiro, quen compartiu coa presidenta do grupo organizador, Carmen Lence, reflexións sobre a xestión de equipos e a relevancia da constancia e a disciplina para acadar obxectivos comúns, así como a importancia de contar cun propósito compartido, tanto no ámbito deportivo como no empresarial.
Casimiro é un dos adestradores con maior traxectoria do baloncesto español, cunha carreira consolidada na elite, na que suma 26 tempadas e máis de 800 partidos na Liga Endesa.
Arias destacou a relevancia deste tipo de encontros, que favorecen o intercambio de experiencias e achegan novas perspectivas a través de referentes en distintos ámbitos para seguir fortalecendo o tecido económico e empresarial da provincia.