O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria, participou na presentación da horta, que ten unha superficie de 1.000 m2
Gómez Caamaño destaca a horta do Álvaro Cunqueiro como un espazo terapéutico, educativo e solidario que amplía o servizo do hospital público á cidade de Vigo
O conselleiro subliña que se trata dun espazo coidadosamente deseñado para facilitar a participación activa de doentes, persoal hospitalario e usuarios externos, co obxectivo de xerar beneficios en saúde física, emocional e social
O espazo ponse ao servizo dos usuarios das diferentes asociacións de pacientes que tamén poderán facer uso desta horta, cuxas instalacións aproveitaranse, así mesmo, para ofrecer formación básica en agricultura a persoas desempregadas
Os froitos deste espazo entregaranse á orde de Misioneiras do Silencio, que distribúen na cidade de Vigo 160 menús diarios entre persoas e familias en situación de vulnerabilidade económica
Na primeira colleita, xa se rexistraron máis de 20 quilos e o obxectivo é chegar ata os 70 por semana
O conselleiro enmarca esta iniciativa dentro da Estratexia de Economía Circular do Sergas, que busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador dunha transformación cultural baseada na sostibilidade
Vigo, 21 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que a Horta do Álvaro Cunqueiro nace como un espazo terapéutico, educativo e solidario, que amplía o gran servizo que este hospital público vén prestando dende hai máis dunha década á cidade de Vigo.
O titular da carteira sanitaria, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do xerente da área sanitaria, Javier Puente, participou na presentación da Horta deste centro sanitario da rede do Servizo Galego de Saúde.
Segundo o conselleiro, trátase dun proxecto destinado a fomentar o benestar e a aprendizaxe a través dun cultivo responsable. Así, esta iniciativa que apoia a inclusión social e a educación ambiental, permite desenvolver programas de horticultura terapéutica dirixidos a mellorar o benestar de pacientes con beneficios para toda a cidade.
Tal e como explicou Gómez Caamaño, trátase dun espazo coidadosamente deseñado para facilitar a participación activa de doentes, persoal hospitalario e usuarios externos, co obxectivo de xerar beneficios en saúde física, emocional e social, reducindo o estrés e favorecendo o vínculo coa natureza nun entorno clínico.
Deste xeito, os pacientes da área sanitaria de Vigo poderán desenvolver actividades nesta horta nas condicións acordadas cos responsables sanitarios correspondentes.
O conselleiro referiu que o espazo se pon tamén ao servizo dos usuarios das diferentes asociacións de pacientes, que poderán facer uso desta horta, cuxas instalacións se aproveitarán, así mesmo, para ofrecer formación básica en agricultura a persoas desempregadas. Tamén as portas están abertas aos centro de ensino.
Gómez Caamaño puxo en valor que esta horta terá uns fins sociais e os froitos deste espazo entregaranse á orde de Misioneiras do Silencio, que distribúen na cidade de Vigo 160 menús diarios entre persoas e familias en situación de vulnerabilidade económica.
Máis de 1.000 metros cadrados
O espazo visitado hoxe polo conselleiro ten unha superficie de 1.000 metros cadrados con 14 bancais de cultivo adaptados a distintos usuarios, tamén os de mobilidade reducida.
No espazo existe un invernadoiro que produce alimentos todo o ano e que serve para gorecerse nos días de mal tempo.
Conta con seis módulos de compostaxe, zonas de almacenamento e secadoiro de sementes.
O conselleiro referiu que, na primeira colleita, xa se acadaron máis de 20 quilos e o obxectivo, ambicioso, é chegar ata os 70 por semana.
Para o mellor funcionamento e rendemento da horta, unha firma especializada en agricultura biointensiva achegará o seu asesoramento técnico.
Estratexia de Economía Circular do Sergas
O conselleiro enmarcou esta iniciativa dentro da Estratexia de Economía Circular do Sergas, que busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador dunha transformación cultural baseada na sostibilidade.
Entre os obxectivos da Estratexia do Sergas está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata o 2030. Un plan do que parten proxectos como o do ecopastoreo, que emprega 14 cabras como rozadoiras naturais, ou a instalación de puntos de recarga de bicicletas eléctricas.
Para concluír as súas verbas, o conselleiro dixo que proxectos como o da horta consolidan ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro como referente na aposta por unha sanidade pública sostible, humana e solidaria.