A Xunta presenta alegacións ao abono único de transporte e denuncia falta de información e lealdade institucional do Goberno Central
O Goberno galego reclama nas alegacións que o avance neste programa do Executivo estatal respecte o reparto de competencias, garanta a sustentabilidade financeira dos sistemas de transporte autonómico e teña en conta as singularidades de cada territorio
Lamenta que dito proxecto se deseñase de costas ás comunidades e sen coñecer o cálculo de tarifas ou a previsión de demanda e, por iso, a Xunta reclama compensacións en Galicia pola dispersión xeográfica ou a baixa densidade de poboación para evitar prexuízos pola aplicación dun abono de tarifa única
Exíxese ao Ministerio que a interoperabilidade con este sistema non afecte á capacidade das CCAA para definir as súas tarifas e bonificacións nin ás plataformas tecnolóxicas xa implantadas polas comunidades
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
A Xunta denuncia a falta de información e lealdade institucional por parte do Goberno central sobre o Programa de fomento do transporte público a través dun sistema de abono único, do que o Goberno galego non recibiu a orde que se atopa en trámite de información pública. Por iso, amosando a súa desconformidade co mesmo, vén de presentar alegacións a este proxecto que considera debería terse abordado coas comunidades polo seu impacto no transporte e que, pola contra, se deseñou de costas a elas.
Nas alegacións presentadas, a Administración autonómica evidencia a falta de definición dos dereitos, obrigas, condicións técnicas e réxime económico do sistema. Así reclama que o avance neste programa do Executivo estatal respecte o reparto de competencias, garanta a sustentabilidade financeira dos sistemas de transporte autonómico e teña en conta as singularidades de cada territorio como a densidade de poboación e a dispersión xeográfica.
Nunha delas, o Goberno galego incide en que este programa atribúe ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o seu impulso e evolución sen prever a participación das comunidades na toma de decisións o que -indica a Xunta- choca frontalmente co modelo de colaboración interadministrativa que se emprega para a súa implantación, tanto no que se refire á xestión dos aspectos económicos como tecnolóxicos.
Por outra parte, pese a que o borrador recolle que a adhesión das comunidades á medida é voluntaria, noutra das alegacións, inclúese que na práctica estase a producir “unha incidencia directa sobre as competencias autonómicas en materia de ordenación, planificación e xestión do transporte público”. Por iso, a Xunta require que se inclúan cláusulas sobre a salvagarda da autonomía das competencias das comunidades e se garanta a capacidade plena para definir as súas tarifas e bonificacións sen que se vexan afectadas pola interoperabilidade con este sistema. Do mesmo xeito, reclama garantías para a interoperabilidade da plataforma tecnolóxica estatal que se prevé instalar cos sistemas xa implantados polas comunidades.
Cómpre lembrar que a Xunta xa advertira que se descoñecía como se fixo o cálculo de tarifas, a previsión de demanda ou se o custo cubrirá a mesma. Así, o Goberno galego tamén alega nesta liña que a orde non achega definición precisamente do réxime económico-financeiro. É dicir, pese que contempla a posibilidade de fixar mecanismos de compensación financeira polos impactos derivados non se concretan contías ou criterios de distribución.
Neste sentido, para a Xunta é relevante, dado que o sistema pode xerar importantes desequilibrios económicos nos sistemas autonómicos de transporte. Así, considera que debería incluírse no financiamento do proxecto o establecemento de criterios obxectivos de compensación que teñan en conta as singularidades de cada territorio para evitar prexuízos pola aplicación dun sistema de abono de tarifa única. No caso de Galicia eses criterios teñen que ver sobre todo coa dispersión xeográfica e a existencia de zonas con baixa densidade de poboación que non contempla o modelo, xa que este responde a patróns de mobilidade propios de áreas urbanas ou metropolitanas de maior densidade de poboación.
Ademais, a Xunta advirte de que o feito de que a norma careza de efectos normativos, pois as obrigas e dereitos definiranse a través de diferentes convenios coas comunidades autónomas, xera “inseguridade xurídica” ao non contar cun marco común que defina claramente as condicións técnicas e o réxime económico do sistema deseñado.
Cómpre lembrar que Galicia xa dispón dun sistema de bonificacións moi vantaxoso para as persoas usuarias do sistema de transporte público autonómico, como a bonificación adicional do 20% que se suma a outros descontos autonómicos, entre eles ata 60 viaxes gratis ao mes para menores de 21 anos e maiores de 65 coa Tarxeta Xente Nova e a tarifa +65.