A Xunta investiu 120.000 euros na rehabilitación enerxética do polideportivo de Navia de Suarna

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, que serviron para corrixir humidades e mellorar os sistemas de calefacción e iluminación

Navia de Suarna (Lugo), 22 de abril de 2026

A Xunta de Galicia destinou 120.000 euros á rehabilitación enerxética do pavillón polideportivo municipal de Navia de Suarna, coa execución de obras que afectaron tanto á envolvente como a elementos interiores.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos e subliñou que “as instalacións son agora máis confortables, eficaces e eficientes”, unha vez corrixidos os problemas de humidade e de calefacción que condicionaban o seu uso.

Así, procedeuse á substitución da cuberta e ao revestimento das fachadas con material illante que favorece a impermeabilidade. As filtracións, especialmente desde o tellado, supoñían unha ameaza para a vida útil do edificio e causaban danos no interior do recinto.

Na zona dos vestiarios renováronse as carpintarías, introducindo perfís de aluminio con dobre acristalamento de baixa emisividade térmica e con selado continuo. Tamén se optou por un sistema de calefacción asimilable ao uso de enerxía renovable mediante equipos de aire acondicionado por bomba de calor. Finalmente, actualizouse o sistema de iluminación cambiando todas as luminarias por outras LED de baixo consumo.

Javier Arias sinalou que a Xunta de Galicia “colabora cos concellos para dotalos de infraestruturas públicas de calidade, moi especialmente na contorna rural”. Puxo como exemplo “estas instalacións, que permiten adestrar e competir en condicións idóneas, cun menor custo enerxético e de mantemento, e son máis respectuosas con medio ambiente”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026