A Xunta celebra o Día do Libro cunha variada programación na Biblioteca Provincial de Lugo
A proposta inclúe música, literatura e teatro, xunto cunha iniciativa solidaria de entrega de libros ao Hula
Lugo, 22 de abril de 2026
A Xunta de Galicia conmemora o Día do Libro cunha variada programación cultural na Biblioteca Pública de Lugo, que inclúe propostas para todos os públicos, con música, literatura e teatro.
Na propia xornada do Día do Libro, mañá xoves, o salón de actos da Biblioteca acollerá un concerto do Coro do Hospital de Lugo a partir das 19,00 horas. A agrupación presentará un repertorio que inclúe desde clásicos da tradición galega ata outros temas do resto de España e de países de Latinoamérica.
Despois do concerto, ás 20,00 horas, terá lugar a presentación do libro ‘1140’, de María José Tardágulla. Trátase dunha novela histórica ambientada no Camiño de Santiago do século XII, onde peregrinos, cabaleiros templarios e habitantes locais afrontan desafíos, perigos e a busca da redención nunha era de fe e misterio. Ambos os dous actos serán de acceso libre ata completar capacidade.
Como parte da celebración, a Biblioteca fará ademais entrega dun lote de 200 libros para ampliar o catálogo da biblioteca do Hula, reforzando o seu compromiso coa promoción da lectura e contribuíndo a facer máis levadeira a estancia das persoas que permanecen ingresadas no centro hospitalario.
A programación completarase o sábado 25, ás 12,00 horas, co espectáculo ‘A historia do coelliño branco’, a cargo de Bea Campos, de Migallas Teatro. Esta adaptación teatral dun conto popular portugués diríxese a público infantil a partir dun ano.