Mar reúnese coa confraría de Vilaboa e reitera o seu apoio á rexeneración dos bancos e á modernización portuaria
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro co novo patrón maior para analizar a situación dunha entidade que agrupa a máis de 90 profesionais
Avalíase un novo investimento de máis de 111.000 € para adquirir un tractor e remolque, tras financiar unha nova bomba de auga salgada
A Consellería entregou máis de 2,5 millóns de unidades de ameixa para sementeiras desde 2024 e impulsou a rexeneración de preto de 16 hectáreas de zonas produtivas
Vilaboa (Pontevedra), 22 de abril do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe a Confraría de Pescadores de Vilaboa e mantivo un encontro co seu novo patrón maior, nomeado tras a xubilación da anterior responsable o pasado mes de marzo. Durante a xuntanza, a representante da Consellería do Mar puxo en valor o peso socioeconómico desta entidade, conformada por máis de 90 profesionais que no ano 2025 acadaron unha facturación de 900.000 euros grazas á comercialización de 71 toneladas de produto.
Ángeles V. Suárez reafirmou o compromiso da Xunta coa modernización das infraestruturas da confraría. Neste sentido, lembrou que o ano pasado se financiou a instalación dunha nova bomba de auga salgada e avanzou que a administración está a avaliar actualmente unha solicitude do pósito, por valor de máis de 111.000 euros, para a adquisición dun tractor e un remolque. Este investimento enmárcase na última convocatoria de axudas para a mellora de equipamentos portuarios, destinada a facilitar as tarefas diarias dos traballadores do mar.
A aposta pola sustentabilidade e a produtividade dos bancos marisqueiros de Vilaboa é outra das liñas estratéxicas de colaboración. A directora xeral destacou que, desde o ano 2024, a Consellería financiou á entidade máis de 2,5 millóns de unidades de semente de ameixa para realizar sementeiras que reforcen a biomasa das súas concesións.
Estas accións complementáronse con proxectos de rexeneración que permitiron actuar sobre preto de 16 hectáreas de zonas produtivas, mellorando o substrato e as condicións de crecemento das especies. Ademais, o pósito conta con axudas para a pesca costeira artesanal que garanten unha xestión responsable e equilibrada dos recursos.
Durante a visita, tamén se afondou na iniciativa de recollida de lixo mariño desenvolvida en 2024. Este proxecto, financiado pola Consellería do Mar con 68.000 euros (cofinanciados co fondo europeo Fempa), foi clave para eliminar residuos e algas de arribazón, mellorando a saúde ambiental da ría. A directora xeral agradeceu a implicación dos mariñeiros nestas tarefas, que teñen continuidade no período 2024-2025.
Aposta pola ciencia
Por último, destacouse a participación da confraría en Redemar a través do proxecto Bivalfood. Esta iniciativa científica analiza a dispoñibilidade de fitoplancto nas rías para determinar os factores que favorecen o alimento dos bivalvos. "Galicia é un referente en ciencia mariña e este proxecto permite que a experiencia dos profesionais de Vilaboa se sume ao coñecemento dos investigadores para tomar decisións que aseguren o futuro do marisqueo a pé", concluíu Ángeles V. Suárez.