Arias agradece aos impulsores da gala ‘Diez Raz10nes’ a colaboración co proxecto do Hula para crear un parque infantil en Pediatría

O delegado territorial confirmou o apoio da Xunta a este evento solidario, que se celebrará o 15 de maio no Círculo das Artes e recadará fondos para a iniciativa do hospital e para a proposta de Alume Saúde Mental

A gala reunirá a oito chefs con soles Repsol e completará a programación con humor e música

Lugo, 22 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe cunha representación dos impulsores de ‘Diez Raz10nes’ para abordar os apoios da Xunta a este evento solidario e agradecerlles a súa colaboración co proxecto para a creación dun parque infantil na zona de Pediatría do Hospital Universitario Lucus Augusti.

O colectivo está a organizar a segunda edición desta gala solidaria, que se celebrará no Círculo das Artes o 15 de maio, a partir das 21,00 horas, e que recadará fondos destinados á iniciativa do Hula e á proposta ‘Menos soidade, máis vida’ de Alume Saúde Mental.

O delegado lembrou que o proxecto “Murallalandia”, impulsado pola área de Humanización do hospital lucense, traballa na creación dun espazo lúdico e de aprendizaxe situado nun recinto exterior xunto á ala de Pediatría, cuberto e con elementos de xogo inspirados na Muralla e no patrimonio cultural da cidade. Trátase dunha zona concibida para favorecer a recuperación física e emocional dos nenos e nenas hospitalizados, reforzar o vínculo coa cultura local e impulsar un modelo de atención humanizada, inclusiva e sostible.

Na reunión desta mañá adiantáronse tamén as novidades da gala deste ano nas que están a traballar as empresas lucenses impulsoras do evento (Allentum, Atalaya Comunicación y Publicidad, Arrocería Os Cachivaches, Restaurante España e Kronos), con propostas gastronómicas, humorísticas e musicais.

No apartado culinario, a gala reunirá a un total de 14 cociñeiros, que suman oito soles Repsol. Entre as caras novas deste ano atópanse Lucía Freitas (cunha estrela Michelin e tres soles Repsol, de ‘A Tafona de Lucía’ en Santiago de Compostela), Moncho Méndez (restaurante Millo de A Coruña), Jimena Meije (restaurante María Manuela de Vigo), Alejandro Ares (Pazo de Vilaboa en Culleredo) e, pola provincia de Lugo, Santi Almuiña (restaurante Colon) e Manuel Vázquez (taberna Vitato).

Xunto a eles repetirán outros chefs que xa se implicaron na edición de 2025: Héctor López (restaurante España de Lugo, con dous soles Repsol), Xoán Crujeiras (restaurante Bido de A Coruña, tamén co dous soles Repsol), Miguel Vidal (restaurante Bancal de Madrid, cun sol Repsol), Pablo Vila (Oca Hotels), Gerson Iglesias (restaurante Erva de Allariz) e, de Lugo, Álex Méndez (Os Cachivaches), Álvaro Vilasante (Paprica) e Noelia Canto (La Postería de Noe).

Deste xeito, a gala ‘Diez Raz10nes’ será o primeiro acto público que reúne cociñeiros das cinco asociacións galegas do ramo: Grupo NOVE, Cocineros de Lugo, Vigo Gastronómico, Coruña Cocina e Ourense Cociña, que agrupan a un cento de chefs da comunidade.

Música e humor

Ademais do aspecto gastronómico e solidario, o evento contará tamén coa actuación do grupo de versións de indie ‘Los hijos de la vecina’, composto polos lucenses David Taboada, Borja López, David Prado, Gonzo Piña e Luis Castañón, e do centro de música Glissando, que xa participou o ano pasado. Os organizadores traballan ademais na incorporación dunha actuación humorística.

As entradas para desfrutar desta gala, ao tempo que se apoia o desenvolvemento de dous proxectos solidarios, poden adquirirse na web de https://diezraziones.com/.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026