O Goberno galego avanza na redución de perdas de auga nos sistemas municipais
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou no Concello de Cariño as actuacións realizadas grazas ás axudas de Augas de Galicia
No ámbito da Delegación 6 Concellos recibiron máis de 214.000 euros en conxunto destas achegas
Cariño (A Coruña), 23 de abril de 2026.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o Concello de Cariño acompañada da alcaldesa do municipio, Ana María López. Alí puido comprobar as actuacións realizadas no paseo marítimo con fondos das axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para minimizar as perdas de auga.
O Concello foi beneficiario en 2025 destas subvencións destinadas a entidades locais, recibindo unha achega de máis de 32.000 euros cos que instalaron máis de 80 novos contadores no sistema de abastecemento municipal. Estas instalacións permitirán un mellor control do gasto de auga, podendo localizar de forma máis efectiva as posibles perdas.
Aneiros destacou esta liña de axudas de Augas de Galicia, “coa que o Goberno galego busca axudar aos Concellos de menos de 20.000 habitantes a reducir estas perdas nos seus sistemas de abastecemento, sobre todo no complexo escenario ambiental ao que nos enfrontamos co cambio climático”.
No ámbito da Delegación Territorial foron seis os Concellos beneficiarios destas achegas, recibindo un total conxunto que supera os 214.000 euros. Esta liña de subvencións cobre o 100% do investimento das actuacións propostas, e contou cun orzamento inicial para as anualidades 2025 e 2026 de 2,5 M€ que foi ampliado cun incremento de 1,8 M€.