A Xunta de Galicia leva a Lugo as xincanas urbanas de ‘Localízate’ para achegar a mocidade ao comercio de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na segunda xincana urbana organizada no marco deste programa autonómico
Nela, a rapazada participante tivo que resolver diferentes probas e interactuar cos profesionais do sector, o que lles permitiu coñecer de primeira man a realidade do comercio local
A vindeira cita será o 27 de abril en Santiago e, ao longo do mes de maio, pasará por Pontevedra, Ourense, A Coruña e Vigo
Tamén na xornada de hoxe, o director xeral de Comercio e Consumo entregou o sistema de reclamación dixital en materia de consumo a través de QR ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina
Alí animou aos establecementos a adherirse a este sistema que pode ser solicitado no Instituto Galego do Consumo e da Competencia e lembrou que é unha iniciativa pioneira a nivel estatal que simplifica e axiliza o proceso de reclamación
Lugo, 23 de abril de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Lugo na segunda xincana urbana organizada no marco do programa autonómico Localízate! no teu comercio local, tras a celebrada a pasada semana en Ferrol. Esta iniciativa inscríbese no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Nela, a rapazada tivo que resolver diferentes probas e interactuar cos profesionais do sector, o que lles permitiu coñecer de primeira man a realidade do comercio local, así como aspectos relacionados coa calidade do produto de proximidade, a atención personalizada e a súa contribución á economía e ao emprego.
As xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula —na que este curso 2.175 alumnos e alumnas de ESO e de FP Básica analizando e propoñendo ideas innovadoras para o comercio de proximidade— e nas que participan en cada cidade aquelas aulas cos traballos mellor valorados polo xurado. Tras a xincana de hoxe en Lugo, a vindeira cita será o 27 de abril en Santiago e, ao longo do mes de maio, pasará por Pontevedra, Ourense, A Coruña e Vigo.
Sistema pioneiro de reclamación dixital
Tamén na xornada de hoxe, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entregou o sistema de reclamación dixital en materia de consumo a través de QR ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, que, entre outras funcións realiza un labor asistencial a veterinarios e propietarios de animais. Alí animou aos establecementos a adherirse a este sistema que pode ser solicitado no Instituto Galego do Consumo e da Competencia a través do enderezo igc.consumo@xunta.gal. Ademais, lembrou que é unha iniciativa pioneira a nivel estatal que se está a estender por Galicia e que simplifica e axiliza o proceso de reclamación, ofrecendo aos negocios unha ferramenta dinámica de comunicación cos clientes.
Esta actuación enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta cunha dotación global 320 M€, composta por máis de 70 accións e que ten entre os seus fins o fomento da dixitalización no sector. O director xeral sinalou tamén que para dúbidas en materia de consumo, a cidadanía ten á súa disposición o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas, así como o teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres.