A Xunta consolida a posición de Galicia como referente do Estado en ciberseguridade aplicada ao transporte
A creación, no marco dun RETECH interrexional, de seis laboratorios e centros demostradores, os programas de formación en FP, a actividade do nodo CIBER.gal ou a creación do centro de ciberseguridade de Ourense reflicten esta especialización
O conselleiro de Facenda e Administración Pública afirma que Vigo é unha cidade pioneira en España neste ámbito pola concentración de industria de automoción
Miguel Corgos prioriza a protección de datos e a seguridade das aplicacións tecnolóxicas na clausura do encontro IA Nexus Business sobre transporte intelixente
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
A Xunta quere reforzar a posición de Galicia como referente estatal en ciberseguridade nos sectores relacionados coa mobilidade e o transporte na estratexia de especialización tecnolóxica que xa situou á Comunidade na vangarda da intelixencia artificial.
A mobilidade, o transporte público ou a loxística son aspectos esenciais para o benestar público e a competitividade dos sectores económicos, sobre todo en rexións que, como Galicia, teñen unha posición periférica, unha elevada dispersión da poboación e grandes áreas rurais con necesidades de conexión terrestre. Así o recoñeceu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na clausura do encontro Nexus Business, hoxe en Vigo, “unha cidade de referencia en España no ámbito da mobilidade”.
Intelixencia artificial e Economía do dato
O Goberno galego considera que a intelixencia artificial ou a Economía do dato son unha oportunidade sen precedentes para racionalizar e xestionar o transporte, facilitar o seu uso e garantir a seguridade. E, polo tanto, presente e futuro pasan por liderar estes campos. Por iso, explicou Miguel Corgos, xa están en marcha actuacións estratéxicas, coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para vertebrar o territorio, achegar as persoas e facilitar o acceso aos servizos públicos.
Galicia lidera a rama de transporte do proxecto RETECH para crear un centro transrexional de Innovación en ciberseguridade, o que “xa nos sitúa na vangarda e como referencia do Estado”, explicou o conselleiro de Facenda, que desenvolveu polo miúdo as actividades que se están a levar a cabo dentro desta estratexia, como unha rede de seis laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, dos que a metade, tres, se atopan en Vigo; 14 cursos sobre a materia en FP e un aula específica para formación; campañas de sensibilización sobre os riscos asociados ao uso das tecnoloxías, que chegaron xa a máis de dous millóns de persoas; e tamén iniciativas de apoio á adquisición de competencias en empresas.
O conselleiro destacou a participación da Universidade, os centros de investigación e a industria de Vigo, cidade líder na industria de automoción, que leva a que Galicia sexa líder en ciberseguridade industrial e no transporte. Puxo como exemplos o programa RETECH no que Galicia lidera a vertical de transportes, a actividade do nodo de colaboración CIBER.gal, ou a creación do Centro de Excelencia en Cibersdeguridade de Galicia (CECIGA).
Miguel Corgos referiuse tamén aos programas concretos no ámbito das tecnoloxías intelixentes para a mobilidade e a xestión do territorio, como o Plan de transporte e mobilidade dixital e-mobility, coa plataforma MoBT que permite realizar unha xestión integral da rede de transporte por estrada de Galicia; ou o Programa Galicia Territorio Intelixente, que unifica e coordina os datos e os servizos relacionados coa información xeográfica, a información medioambiental, a xestión forestal, os sensores integrados na Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas), ou os vehículos non tripulados. O conselleiro enmarcou estas actuacións en iniciativas que se estenden a todos os ámbitos para “reforzar a posición de Galicia como referente en tecnoloxía, da man dos sectores implicados e en colaboración coas distintas administracións”, concluíu.