O Centro Eduardo Barreiros reafírmase como referente estatal da innovación na FP coa visita de autoridades educativas de toda España

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompaña a representantes de diferentes comunidades autónomas participantes en FP Innova nun percorrido polo centro

Os asistentes puideron experimentar con sistemas novidosos como OPI ou Vetinen e coñecer as modernas e pioneiras instalacións do centro

Ourense, 23 de abril de 2026

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompañou hoxe a autoridades educativas de toda España nunha visita ao Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Trátase de representantes de comunidades como Cantabria, Castela-A Mancha ou Canarias que están a participar no congreso e feira educativa FP Innova 2026, que se celebra ata mañá na Cidade da Cultura de Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que “o interese das diferentes comunidades reafirma ao Eduardo Barreiros como centro referente en España en innovación na FP e dá mostra do seu liderado como eixo estratéxico neste eido en Galicia”. “O excelente traballo, que estamos orgullosos de amosar a outros compañeiros, contribúe de xeito decisivo a posicionar a FP galega na vangarda da innovación a nivel estatal e europeo”, afirmou a directora xeral.

Durante o seu percorrido, os visitantes coñeceron de primeira man as modernas instalacións do centro, un espazo pioneiro que integra investigación aplicada, desenvolvemento tecnolóxico e emprendemento industrial. O programa incluíu a presentación de proxectos estratéxicos con tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, a realidade virtual e a realidade aumentada, posicionando o centro na vangarda das novas metodoloxías educativas.

Programas punteiros desde Ourense

Ademais, os asistentes tiveron a oportunidade de interaccionar co asistente de orientación profesional integral OPI Orienta, unha ferramenta innovadora que permite acompañar ao alumnado na toma de decisións formativas e profesionais mediante itinerarios personalizados e intelixentes, aliñados coas demandas reais do mercado laboral. Puideron coñecer, asemade, iniciativas de innovación aplicada como Enogastronomía 5.0, unha liña de traballo que emprega tecnoloxías avanzadas para poñer en valor as denominacións de orixe galegas e achegar a cultura vitivinícola dun xeito innovador, a través de experiencias inmersivas e multisensoriais.

A visita incluíu tamén unha demostración do programa Vetinen (Vocational Training Innovative English), unha das iniciativas máis avanzadas do centro no ámbito da innovación metodolóxica e con crecente recoñecemento. Este proxecto integra intelixencia artificial e contornas inmersivas de realidade virtual para o desenvolvemento da competencia lingüística en inglés técnico, permitindo ao alumnado interactuar en situacións profesionais simuladas altamente realistas.

Na súa evolución actual, Vetinen conta cun amplo abano de escenarios que recrean contornas reais de diferentes familias profesionais —desde ámbitos industriais e sanitarios ata servizos, comercio ou turismo—, ofrecendo unha aprendizaxe práctica, contextualizada e altamente especializada. Esta capacidade de adaptación aos distintos sectores produtivos sitúa ao programa como unha solución innovadora exportable e cun alto potencial de transferencia a outros sistemas educativos.

Ao longo da xornada, as autoridades educativas teñen tamén a oportunidade de experimentar estas solucións innovadoras e intercambiar coñecemento co equipo técnico do Eduardo Barreiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2026