Rueda destaca Galicia como destino seguro, auténtico e de calidade nun encontro con operadores turísticos chineses

Resalta entre as catro principais razóns polas que Galicia se axusta ás demandas actuais aos viaxeiros deste país asiático que se trata dun destino non masificado

Salienta tamén o patrimonio cultural, o Camiño de Santiago e experiencias únicas como a gastronomía ou o termalismo entre os atractivos de Galicia

Anima aos cidadáns de China a visitar a Comunidade aproveitando o Xacobeo 2027, que será “o gran ano de Galicia”

Subliña o carácter acolledor e familiar que une ao pobo galego e o chinés

Pekín (China), 24 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe Galicia como un destino turístico seguro, auténtico e de calidade que ofrece gran cantidade de atractivos aos visitantes como a gastronomía, o patrimonio, o termalismo ou a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago. Durante un encontro con operadores turísticos en Pekín, Rueda salientou que malia a distancia xeográfica que separa Galicia e China, son moitas as cousas que unen os dous territorios.

Nesta liña, o presidente galego resaltou que o pobo galego e o chinés comparten o seu carácter acolledor, hospitalario e familiar así como o interese pola gastronomía como parte da identidade e carta de presentación ante o mundo. Rueda sinalou que os galegos “temos esa sensibilidade especial para acoller con cariño e con moita hospitalidade a todos os que veñen de fóra e para superar todo tipo de barreiras”.

Na súa intervención, o presidente autonómico destacou as catro principais razóns polas que Galicia se axusta ás demandas actuais dos turistas chineses. Así, o mandatario galego fixo fincapé en que, malia recibir 9 millóns de turistas durante 2025, Galicia segue a ser un destino pouco masificado, no que poder desfrutar da visita de forma tranquila e relaxada. Neste sentido, resaltou que “levamos moitísimo tempo traballando en que as visitas se distribúan durante os 12 meses do ano”.

Dentro dos atractivos de Galicia para o turismo chinés, o presidente da Xunta resaltou en segundo lugar o gran patrimonio cultural de Galicia e lembrou que a comunidade conta con catro espazos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco: a muralla romana de Lugo -irmandada coa Gran Muralla China-; a Torre de Hércules da Coruña -o faro romano máis antigo do mundo en funcionamento-; o casco histórico de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago.

Así, en terceiro lugar, Rueda animou aos cidadáns chineses a vivir a experiencia de peregrinar cara a Compostela e gozar da natureza, gastronomía ou cultura da comunidade no seu percorrido. O presidente lembrou que o Xacobeo 2027 será “o gran ano de Galicia” e puxo en valor que o número de peregrinos procedentes de China se multiplicase por seis na última década, superando os 4.400 durante 2025.

E como cuarto punto, o titular do Executivo galego destacou a variedade de experiencias das que poden gozar os turistas que se acheguen a Galicia: desde baños nas augas termais da comunidade ata experiencias enogastronómicas exclusivas ou todo tipo de actividades culturais.

En definitiva, sinalou que “todo aquel que veña buscando identidade cultural propia, potente, con pegada; todo aquel que veña buscando gastronomía; tranquilidade, sen masificación; historia, a través do Camiño de Santiago; ten que atopar en Galicia un destino moi apetecible”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2026