A Xunta apoia a XXIX Concentración de Motos do Valadouro, que se celebra do 30 de abril ao 3 de maio
A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación desta xuntanza, que reunirá preto de 600 participantes procedentes de toda España e doutros países europeos
Lugo, 24 de abril de 2026
A Xunta de Galicia renova a súa colaboración coa Concentración de Motos do Valadouro, que se celebrará do 30 de abril ao 3 de maio. A cita, organizada polo Moto Club O Valadouro, chega este ano á súa 29ª edición.
A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación do programa, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o presidente do colectivo organizador, Simón Rubal; e o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela.
A concentración, consolidada como unha cita de referencia dentro do calendario moteiro, reunirá preto de 600 participantes procedentes principalmente de Galicia, Asturias e Castela e León, pero tamén doutros puntos de España e mesmo de países como Portugal ou Francia.
Os participantes poderán desfrutar dun amplo programa de actividades que inclúe dúas rutas moto-turísticas pola comarca. A primeira sairá o sábado ás 11,00 horas da zona da piscina e a segunda partirá o domingo á mesma hora da praza de Santa María.
Completarán o programa exhibicións acrobáticas, actuacións musicais, reunións de confraternidade, degustacións de produtos locais, xogos infantís e sorteos. Ademais, entregaranse trofeos para recoñecer aos tres moto clubs máis numerosos, á bandeira máis orixinal ou ao afeccionado que se desprace dende máis lonxe.
O encontro contará con zona de acampada para os inscritos e servizo de cátering no pavillón municipal.
Arias felicitou ao club organizador polo traballo que realizan durante todo o ano para impulsar no Valadouro unha das citas moteiras máis veteranas e recoñecidas da provincia de Lugo e do norte de Galicia. Subliñou que este tipo de iniciativas supoñen un importante impulso para a economía local e axudan a promocionar a comarca.