A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na Festa da Familia da entidade

A Xunta pon en valor a rede de apoio que forma Aspnais en Lugo na atención e acompañamento as persoas con discapacidade

Durante a súa intervención, trasladou os parabéns do Executivo galego á asociación polos seus 60 anos “construíndo unha Galicia máis xusta, igualitaria e inclusiva”

Lugo, 25 de abril do 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor o traballo de Aspnais en Lugo e a importante rede de apoio que forman na atención e acompañamento ás persoas con discapacidade e ás súas familias. Así o sinalou durante a tradicional Festa da Familia que organiza a entidade cos seu persoal e usuarios e a que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.

Durante a súa intervención, a conselleira trasladou os parabéns de todo o Executivo galego a Aspnais polo seus 60 anos de traballo “construíndo unha Galicia máis xusta, igualitaria e inclusiva”.  Así pois, lembrou que esta entidade logrou formar “unha gran familia” referente na provincia de Lugo e tamén en toda a comunidade, velando sempre polos dereitos das persoas con discapacidade e situándoas no centro de todas as políticas.

Neste sentido, María José Gómez explicou que o papel das entidades sociais en Galicia “é fundamental para chegar ás persoas que máis o precisan”, e por iso recalcou que a Xunta sempre ten a man tendida a todo o sector asociativo para seguir avanzando en recursos, medidas e apoio as persoas con discapacidade e a súa contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2026