Rueda pon en valor en China a capacidade loxística e industrial de Galicia para atraer novos investimentos vinculados á electromobilidade
O presidente da Xunta visita a fábrica de baterías para vehículos de nova enerxía de SAIC Motor para explorar novas oportunidades de negocio e continuar situando á comunidade como referente europeo no sector do vehículo eléctrico
Zhengzhou (China), 25 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a fábrica de baterías para vehículos de nova enerxía do grupo SAIC Motor, un dos principais fabricantes da industria automobilística de China, onde puido coñecer de primeira man un dos complexos industriais máis avanzados do mundo no ámbito da mobilidade eléctrica.
Durante o percorrido polas instalacións, que contan cunha capacidade prevista de 300.000 packs de baterías ao ano e forman parte do complexo industrial de SAIC en Zhengzhou que a día de hoxe representa a maior base de exportación do grupo, o titular do Goberno galego subliñou as vantaxes competitivas de Galicia para atraer investimentos de alto valor engadido vinculados ás novas enerxías. Así, puxo en valor a capacidade loxística e o ecosistema industrial galego para acoller proxectos que busquen a innovación na electromobilidade.
Esta visita, na que o presidente estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, complementa a reunión mantida o pasado xoves co presidente de SAIC Motors, Xiaoqiu Wang, e outros cargos directivos da compañía, co obxectivo de explorar novas oportunidades de negocio e atraer investimentos a Galicia nun sector no que a comunidade se sitúa como un dos principais polos de produción e desenvolvemento tecnolóxico en Europa.