A Xunta promove en Santiago a conexión entre a mocidade e o comercio local a través das xincanas lúdico-educativas da campaña ‘Localízate’
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na terceira xornada do programa ‘Localízate! No teu comercio local’, dirixido á mocidade de ESO e FP Básica que, tras pasar tamén por Ferrol e Lugo, continuará en maio no resto de cidades
A actividade desenvolveuse cun percorrido a pé con saída e chegada na Praza de Abastos, desde onde os equipos percorreron distintos establecementos comerciais, resolvendo probas e interactuando cos profesionais do sector
A iniciativa forma parte das máis de 70 accións do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, a folla de ruta da Xunta para modernizar e fortalecer o sector e facelo máis atractivo para as novas xeracións
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá nunha nova xornada do programa Localízate! No teu comercio local, unha iniciativa dirixida á mocidade de ESO e FP Básica e enmarcada nas accións do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. Tras o seu paso por Ferrol e Lugo, trátase da terceira das xincanas lúdico-educativas que a Xunta está a desenvolver estas semanas en distintas cidades galegas —e que continuarán no mes de maio en Pontevedra, Ourense, A Coruña e Vigo— co obxectivo de crear vencellos duradeiros entre a mocidade galega e os establecementos comerciais das súas contornas.
No caso de Santiago, a actividade desenvolveuse cun percorrido a pé por distintos establecementos comerciais e postos da Praza de Abastos, punto no que tamén se situou a unidade móbil que funcionou como espazo de saída e chegada da xincana.
Alén felicitou aos equipos gañadores e puxo en valor a participación de todo o alumnado, destacando o papel do traballo en equipo, a curiosidade e o interese por achegarse ao comercio local. Así mesmo, salientou a importancia do labor previo desenvolvido nas aulas, fase na que este ano participaron 2.175 alumnos e alumnas elaborando propostas para dinamizar establecementos comerciais para achegalos ao público máis novo. As mellor valoradas foron as seleccionadas para participar en cada cidade nas xincanas educativas.
A campaña estrutúrase en dúas fases: unha primeira, desenvolvida nos centros educativos, na que o alumnado elabora propostas de dinamización para comercios locais; e unha segunda na que os equipos seleccionados participan en xincanas como a celebrada hoxe en Santiago. Durante estas xornadas, os grupos percorren distintos establecementos comerciais e postos de mercado, onde deben superar probas vinculadas á actividade comercial, interactuar coas persoas comerciantes e coñecer de primeira man aspectos como a calidade do produto local, a atención personalizada ou a contribución do sector á economía e ao emprego. Ademais, en cada cidade instálase unha unidade móbil como punto informativo e espazo de visibilización dos produtos locais.
Plan Estratéxico do Comercio de Galicia
A iniciativa enmárcase nas máis de 70 accións incluídas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, folla de ruta coa que a Xunta busca modernizar e fortalecer o sector, facéndoo máis atractivo para as novas xeracións.
Este documento constitúe a folla de ruta da Xunta para impulsar o sector, adaptándoo aos novos retos económicos e sociais. Entre os seus obxectivos prioritarios está o de achegar o comercio de proximidade á mocidade, fomentar a remuda xeracional e reforzar o seu papel como motor económico e social.