A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa presidenta da FAPXG

A Xunta e a federación de asociacións de persoas xordas porán en marcha un programa de voluntariado inclusivo nos espazos naturais galegos

Ángeles Vázquez indicou que esta novidade se incluirá na renovación do convenio que anualmente asinan a Consellería e a Federación para avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e favorecer a integración social das persoas xordas

Manteranse as visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos a espazos protexidos e os cursos de formación a persoal dos parques naturais nesta lingua

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026

A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) porán en marcha un programa de voluntariado inclusivo nos espazos naturais galegos, segundo acordaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a presidenta da entidade, María Alonso, durante unha reunión que mantiveron hoxe.

Segundo indicou Ángeles Vázquez, a posibilidade de que integrantes de asociacións pertencentes á FAPXG poidan facer traballos de voluntariado en diferentes espazos naturais será a novidade que se incluirá na renovación do convenio que anualmente asinan a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación para  avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e favorecer a integración social das persoas xordas.

O obxectivo do Goberno galego con este convenio —para o que achegará un financiamento de 10.000 euros— é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos naturais protexidos da Comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos, como os centros de interpretación e as aulas da natureza.

Así, seguirán manténdose as visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de percorrer e coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.

Deste xeito, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta á disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ás persoas xordo-cegas. Ademais, entre as obrigas asumidas pola FAPXG tamén figura a realización de códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia.

A maiores, este ano tamén se realizarán os cursos en lingua de signos ao persoal dos parques naturais galegos que se puxeron en marcha o pasado ano 2025 con grande éxito de participación. Na primeira edición desta formación participaron unha trintena de persoas que aprenderon o vocabulario máis frecuente relacionado co medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2026